A concelleira de Turismo, Ana Martínez, lembrou que “esta é unha festa na que se celebra a vitoria dos veciños e das veciñas, a forza, a unión, de sete parroquias, ademais tamén esa unión de dous concellos, o de Ribadeo e o de Trabada, coas parroquias que participaron para defenderse ante o exército de Napoleón durante a guerra da Independencia, alá polo ano 1809. Falamos de máis de douscentos anos de antigüidade e case unha celebración ininterrompida, e iso ten valor porque precisamente os veciños, os verdadeiros artífices desa festa, son os que conseguen que siga estando aí, siga estando viva, siga mantendo a tradición, e eu creo que iso debería ser valorado dunha maneira bastante importante”.

A edil nacionalista subliñou que “o interese non soamente está no turismo, eu creo que este é un interese que vai moito máis aló, é un lugar de interese patrimonial. Temos un santuario magnífico cunhas pinturas que non se poden atopar, únicas en Galicia. Temos historia, relixiosidade, o Camiño de Santiago pasando á súa beira, creo que o enclave é magnífico. Ademais despois de percorrer os diferentes santuarios que imos atopando desde Ribadeo ata A Ponte ao pé do Camiño de Santiago, chegar aquí é practicamente como quen chega a Compostela. Pode atoparse aí con algo magnífico e ademais eu creo que esa é a posta en valor que temos que ter”.

A concelleira ribadense dixo que “a declaración da festa en si é importante, pero eu penso que debemos ir máis aló e poñer en valor todo o que supón, todo o que define ese culmen final de chegar á festa”.

Ana Martínez quere “darlle as grazas a esa mesa que traballou para facer unha memoria relativa a todo isto. A mesa estivo composta pola asociación de veciños O Formigueiro, polo seu presidente Javier González, pola súa secretaria Azucena González, quen participou dunha maneira moi activa cando estaba de xerente comarcal en poñer en valor esta festa e a súa participación foi fundamental en canto á documentación e ao traballo para a elaboración da memoria. Quero darlle as grazas tamén ao párroco Carlos Trevín, que aportou información e traballo importante, a Emilio Piñeiroa, historiador e experto no santuario das Cruces e en todo o que conforma a propia celebración, á técnica de Turismo, a Begoña, que leva tempo traballando para conformar este traballo, e aos voceiros e voceiras dos grupos que formamos a Corporación Municipal”.

A concelleira de Turismo declarou que “para min foi un luxo participar e consensuar unha proposta que desde logo non leva ningunha connotación política, simplemente é a posta en valor do noso territorio, do noso patrimonio, dos nosos veciños. Conseguir que isto teña nun futuro máis peso en canto a que desde as diferentes administracións teñan en conta a necesidade que hai de axudar a valorizar o propio santuario, de dar visibilidade a algo tan magnífico como son as pinturas que se atopan na propia capela. Creo que temos unha xoia no noso concello que está na Ponte de Arante, e desde logo con esta declaración de festa de interese turístico buscamos acender esa chispa que dea lugar a que se teña en conta o verdadeiro valor do que supón a Ponte de Arante. Polo tanto nesta semana, de maneira unánime e conxunta, levaremos a pleno a declaración e a petición de festa de interese turístico para a festa das Cruces, que se vai celebrar xa o vindeiro luns día 5”.

A edil quere “convidar a que a xente acuda a ver ese bandeo de pendóns, esa convivencia entre as diferentes parroquias e os diferentes concellos como son Trabada e Ribadeo, na unión da propia Ponte de Arante. Fago este convite para vernos e xuntarnos todos o luns na Ponte de Arante”.