A edil de Igualdade e Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “desde o Centro de Información á Muller, desde as áreas de Xuventude e de Cultura do Concello de Ribadeo iniciamos un novo programa de animación á lectura para traballar dunha maneira dinámica e activa cos contos na nosa biblioteca municipal”.

A concelleira nacionalista explicou que “para aqueles nenos e nenas que queiran asistir comeza este venres, día 2 de novembro, e rematará o 24 de novembro, sábado. Hai un programa que será os venres 2, 9, 16 e 23 de novembro, onde os máis pequenos, os nenos de 3 a 6 anos, na biblioteca a partires das cinco e media da tarde van traballar cunha serie de contos, neste caso a través dunha personaxe que é unha toupiña na primavera, no verán, no outono e no inverno. É unha forma dinámica e activa de achegarnos á lectura, á literatura infantil, e de pasar un rato divertido nesta media hora activa”. Esta parte do programa recibe o nome de A contar e cantar con Patas de Peixe.

Álvarez Lastra indicou que “para os nenos maiores de 6 anos, na biblioteca tamén pero os sábados de cinco e media a seis da tarde, imos facer os días 3, 10, 17 e 24 de novembro outras tardes de animación á lectura noutro tramo de idade e por suposto con outro tipo de contos diferentes, neste caso imos traballar con A vaca que puxo un ovo, Na busca dun fogar, O incrible neno devorador de libros e Coidado, extraterrestres“.

A concelleira de Igualdade e Cultura dixo que “se trata dunha maneira de achegar aos nenos e as nenas á nosa biblioteca municipal, por unha banda, de ter un tempo de lecer e de achegamento aos libros dunha maneira activa a través do xogo e de contacontos e, sobre todo tamén, para ter un rato onde os cativos e os seus pais gocen desta actividade”. É unha actividade gratuíta e totalmente aberta. Está publicitada na páxina web do Concello, das diferentes áreas, así como nun programa impreso co que poden facerse tanto na biblioteca municipal como nas outras instalacións administrativas do Concello para poder seguir o calendario.