Pablo Vizoso subliña que “todas estas formacións preparadas teñen unha parte presencial e cada unha delas irá acompañada de mentorías que asesorarán de forma personalizada e individualizada ás persoas participantes e que se realizarán cando remate cada unha desas formacións presenciais. A previsión que se manexa é rematar o programa antes da tempada de verán”.

O edil de Desenvolvemento Local explica que “as capacitacións terán lugar en maio, os días 2 e 9 de 11 a 13 horas. A primeira, baixo o lema Dalle unha volta ao teu negocio, está dirixida a pequenas empresas, profesionais que desexen explorar outras vías de negocio, ou darlle outro enfoque ou simplemente diversificar a súa actividade. Neste obradoiro práctico coñeceranse iniciativas que xa están en funcionamento e as persoas participantes comezarán a crear as súas propias propostas de produtos ou servizos innovadores que lles axuden a medrar na súa empresa. A formación será impartida na Casa do Viejo Pancho”. 

Vizoso Galdo seguiu a relatar que “os días 3 e 10 de maio, de 10.30 a 13.30 horas tamén na Casa do Viejo Pancho, desenvolverase a formación Pon o teu negocio en pé, dirixida a aquelas persoas que desexen coñecer novas ideas de negocio ou aquelas que xa teñen unha idea e desexan explorar as posibilidades reais que teñen de materializarse. Nesta formación cada participante fará a súa folla de ruta particularizada para poder dar os primeiros pasos na creación da súa empresa ou da súa actividade”.

E engadiu que “a terceira formación deste paquete chegará os días 23 e 30 de maio de 16:00 a 19:00 horas na Aula CeMIT coa acción Habilidades básicas para a xestión administrativa e financeira na que se abordarán coñecementos clave para ter o control do negocio en aspectos como impostos, gastos frecuentes ou periódicos e tamén se aprenderán a manexar ferramentas tecnolóxicas que axuden na xestión do día a día dunha empresa. Todas estas accións inclúen mentorías e asesoramentos personalizados e adaptados ás necesidades individuais nas diferentes áreas abordadas e pretenden facilitar e mellorar as competencias e as habilidades das persoas participantes”. 

Pablo Vizoso, o concelleiro de Desenvolvemento Local, anima “a participar ás empresas, profesionais, persoas autónomas así como ás persoas emprendedoras nestas formacións que teñen un carácter principalmente práctico e que pretenden incidir na mellora dos negocios presentes e futuros dos participantes”. E incide tamén en que “as persoas emprendedoras poden aproveitar o curso de Pon o teu negocio en pé para debullar unha idea e presentarse no próximo proceso da  concesión dos postos da Praza de Abastos de Ribadeo”. 

Ademais destas formacións e igual que se vén facendo outros anos, durante o mes de maio iniciarase tamén o Curso preparatorio para os exames de Competencias Clave nivel 2. As persoas interesadas para inscribirse en calquera destas formacións poden chamar ao Concello ao 982 128 650.