Mañá mércores 26 e tamén o xoves 27 haberá obradoiros de Coeducación impartidos por Andamiaxe, nos que se abordarán aspectos coma os oficios e tarefas, a corresponsabilidade ou a violencia de xénero, entre outros. Neles participarán rapaces e rapazas de 2º de infantil, 3º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO.
O venres 28 de novembro está previsto tamén un encontro lúdico-festivo da mocidade contra a violencia de xénero, no pavillón do Gregorio Sanz a partires das 7 da tarde e destinado a rapaces e rapazas a partires de 12 anos. Trátase dun concerto no que participarán membros dos grupos: Amigos de lo Ajeno, Skala Drinker, Medio Gramo, Beatle Judges, Sempre se Fixo, Operación Punk e Sinestesia.
O estudantado que participe no encontro lucirá símbolos identificativos coa loita pola eliminación da violencia exercida cara ás mulleres. A entrada é libre e gratuíta. Ese día pola tarde no mesmo centro haberá un obradoiro de bebidas saudables que impartirá persoal da Escola de Hostelería de Foz.