O rexedor contou que “estamos moi atarefados, pero sobre todo moi satisfeitos polo traballo que estamos a facer aquí en Fitur para seguir poñendo a Ribadeo no mundo. Coa miña compañeira de turismo, Ana Martínez, e coa nosa técnica de turismo, Begoña García, estamos contribuíndo pasiño a pasiño a facer máis internacional o noso concello”.

Fernando Suárez dixo: “estes contactos que levamos estes días facendo con estes países que tanta vinculación teñen con Ribadeo, receptores de moita emigración das nosas familias desde o século XIX, como podían ser Uruguai, Arxentina e máis Cuba. Queremos seguir estreitando lazos e vínculos culturais e históricos con eles. E tamén queremos contar con eles para esta nova edición do Ribadeo Indiano na segunda fin de semana de xullo, que organizaremos outra vez, e que contamos coa implicación de todo o mundo de Ribadeo e dos arredores”. O alcalde e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, estiveron esta mañá na Embaixada de Uruguai, onde mantiveron un encontro co Ministro Consejero, Carlos Barañano Barrabino.

O alcalde ribadense explicou que “tamén viñemos a Fitur para seguir traballando pasiño a pasiño neste gran reto que temos de seguir intensificando o Ribadeo Eventos, seguir traballando para desestacionalizar e que veña xente a Ribadeo non soamente na época estival, senón ao longo de todo o ano. Con esa intención é polo que queremos seguir a traballar con esta iniciativa que levamos desenvolvendo tempo que é que Ribadeo sexa a sede de congresos, para seguir organizando eventos ao longo de todo o ano, para reforzar precisamente esa parte máis baixa de novembro a marzo. Para iso estamos tendo contactos con empresas de incentivos, de reunións e de congresos, e tamén de operadores de receptivo. Como se necesita que se coñeza o noso produto, estamos contactando con organizacións de profesionais de congresos”.

Suárez Barcia anunciou que “á volta deste Fitur manteremos unha xuntanza co sector para darlle conta dos contactos que estivemos a facer, do traballo que estivemos a desenvolver, tamén para facer a programación deste ano tendo en conta a súa opinión e a súas necesidades. Trátase de traballar facendo sinerxias, e este lema que temos Ribadeo xque sí é porque ten moito traballo do sector privado e do Concello, para lograr cada día que este Ribadeo siga a brillar con luz propia neste universo grandísimo que é o do turismo. Ribadeo duns anos a esta parte estase posicionando e quere seguir sendo esa estrela que sigue brillando cada día con máis intensidade no mundo do turismo”.