Ribadeo recibiu da Xunta a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM para a construción do novo centro de saúde. O seguinte paseo será da compra dos terreos.
Ribadeo recibiu da Xunta a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM para a construción do novo centro de saúde. O seguinte paseo será da compra dos terreos.
O alcalde, Dani Vega, declarou este venres que “seguimos dando pasos importantes para ter o centro de saúde que quere Ribadeo. Un centro de saúde accesible, cómodo, con maiores servizos sanitarios. Evidentemente, a sanidade pública non é construír paredes única e exclusivamente, é dotar de servizos sanitarios de calidade, pero é importante tamén ter un centro accesible, cómodo, un centro que estea unido, que podemos conectarnos coa autovía para chegar rápido ao Hospital da Mariña. É moi importante porque son minutos vitais, fundamentais, para que o paciente chegue rápido dende o centro de saúde ao Hospital da Mariña. Como tamén é importante ter dentro de todo ese espazo sanitario ao 061, non pode ser que o centro de saúde estea nun lado e o 061 noutro. Debe estar unificado, debe haber tamén unha zona de aparcadoiro para as ambulancias, como tamén para todos os traballadores ter un espazo de descanso e de traballo”.
O rexedor dixo que “desde o Concello, neste período pequeno de goberno, xa fixemos todo o traballo burocrático necesario. Estou falando da modificación urbanística do Plan Xeral que tivemos que aprobar en pleno, enviarlle á Xunta, e hoxe xa nos veu a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a implantación do centro de saúde que quere Ribadeo”.
Para Vega “hoxe temos unha noticia importante, unha noticia positiva, para empezar a dar xa outro paso, que é comprar a parcela. Nos como Concello durante este ano tamén buscamos o orzamento necesario para poder comprala e vamos entregarlle toda esa parcela á Xunta de Galicia e á Xunta, nunha breve reunión que tiven este mércores co conselleiro, xa lle encargamos o proxecto para empezar a traballar na construción dun centro de saúde que vai chegar practicamente aos cinco millóns de euros. Trátase dun presuposto importante de edificio, de zona de aparcadoiro para as ambulancias e dun espazo de aparcadoiro para todas as persoas que acudamos ao centro de saúde, e ir dando pasos para tamén mellorar todo o acceso a esa instalación”.
O alcalde subliñou que “hoxe demos un paso importantísimo na modificación urbanística fundamental para que o Concello poida comprar os terreos e entregarlle á Xunta de Galicia para a construción do centro de saúde que queremos todos os ribadenses”.