O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, prevé que a subvención de 126.000 euros que o Concello de Ribadeo vai recibir da Deputación Provincial de Lugo vai servir para que as arcas municipais queden un pouco máis desafogadas. O rexedor local asegurou que o convenio asinado este mediodía coa Vicepresidencia terceira Deputación “é un balón de osíxeno para o Concello de Ribadeo”.

O ente provincial concédelle esta partida a Ribadeo en materia de axudas ao mantemento de equipamentos de atención primaria e especializada de titularidade pública, o que “vai repercutir de xeito positivo na conciliación familiar”, asegurou Fernando Suárez.

Os gastos que xeran o centro de día, a vivenda comunitaria de Ribadeo ou o Hospital Asilo son algúns dos que, segundo manifestou o rexedor local, se poderán financiar agora coa partida concedida pola Deputación. Dunha petición de 152.000 euros a Deputación Provincial vai financiar o 70%, é dicir uns 106.000 euros, aos que hai que engadir outros 20.000 para actividades de ocio infantil.

Fernando Suárez sinala que “esa partida servirá para que o Concello de Ribadeo quede desafogado dunha parte importante dos recursos que viña empregando para estes fins e poida así investir esta cantidade noutro tipo de actividades ou no pago de débeda pendente cos proveedores”.