Vizoso Galdo explicou que “este proxecto, que naceu hai uns meses promovido polo Concello e que lle puxemos como denominación Ribadeo, prepara o teu Camiño, hoxe ve oficialmente a luz, despois de moitas horas de traballo, vicisitudes e as complicacións dos últimos meses, que todos coñecedes”.

O edil ribadense lembrou que “forma parte doutro proxecto tamén desenvolto polo Concello, o obradoiro Ribadeo Alén do Camiño, e nace cando nos paramos na Concellería de Turismo a analizar o que podemos considerar unhas evidencias: en primeiro lugar que o Xacobeo 2021, ampliado ao 2022, ía constituír unha oportunidade marabillosa e excepcional, de gran repercusión internacional, para poñer en valor as nosas costumes, a nosa forma de ser, a nosa paisaxe, pero tamén o noso bo saber e o noso oficio; a segunda evidencia era que o Camiño Norte a Santiago, que foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade hai uns anos, ten en Ribadeo un dos puntos significativos do seu percorrido porque Ribadeo é a porta norte desde camiño, é a entrada en Galicia do Camiño do Norte cara a Compostela; a terceira evidencia é que se trata dun camiño en crecemento constante porque esta ruta é a terceira en importancia, tanto só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués; e a cuarta evidencia é que o perfil do peregrino actual correspóndese co dunha persoa que cada utiliza máis internet, as novas tecnoloxías, para consultar e buscar datos sobre o Camiño e para preparar e organizar o seu itinerario. Por iso sabíamos que había que estar nese ámbito, en internet e nas novas tecnoloxías, dar a información directa e especial que busca o peregrino nunha web ben posicionada”.

O concelleiro de Turismo dixo: “e todo isto había que facelo dunha maneira singular, dunha forma diferente, situando como protagonista principal ao peregrino, que o é, pero tamén contando con que cada un dos vosos establecementos, no número maior posible, sexades tamén os protagonistas deste proxecto. E isto ten unha tripla finalidade: en primeiro lugar desenvolver unha serie de produtos e servizos pensados especificamente para o peregrino; potenciar a imaxe de Ribadeo como punto de inicio do Camiño; e a terceira, desenvolver un modelo de xestión sostible cos valores do Camiño de Santiago e da figura do peregrino e que iso funcionase todo como un eixo vertebrador, como núcleo central, de todo ese proceso de deseño e de concentración dos produtos especiais”.

Pablo Vizoso subliñou que “con ese fin creamos un catálogo denominado Ribadeo prepara o teu Camiño, que é interactivo, accesible a través dun sistema web, onde aparece información detallada de cada un dos establecementos, os datos de contacto, os produtos que ofrecen e tamén información moi particularizada desa gama de produtos específicos e pensados especialmente para o peregrino. En definitiva o que lles estamos transmitindo aos peregrinos que escollen o Camiño Norte é que aquí, en Ribadeo, van poder atopar todo canto necesitan, ou ben para iniciar o camiño e tamén para aqueles que non nos escollen como inicio, pero estamos convidándoos dalgunha maneira para que pasen e prolonguen a súa estadía en Ribadeo e que desfruten dunha gama completísima de servizos que entre todos lles ides ofrecer. E iso complementado por unha oferta gastronómica de enorme calidade e unha importantísima infraestrutura de aloxamentos de diferente tipo”.

O concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local seguiu a relatar que “hoxe este catálogo conta xa con case medio cento de participantes, pero non é un proxecto pechado. Todo o contrario, é un proxecto aberto co que o Concello pretende ir periodicamente actualizando os datos e incorporando novos participantes, novos establecementos adheridos. Outro dos obxectivos deste proxecto é que implantedes nos vosos establecementos un distintivo que denominamos Establecemento amigable co peregrino porque, ademais de facilitarlle as cousas ao peregrino a nivel informativo, trasládase unha imaxe de mellor identificación de Ribadeo cun entorno confiable e que respecta os valores do Camiño de Santiago. E por último neste proxecto tamén se inclúe un selo individualizado para cada un dos vosos establecementos, que lle permitirá ao peregrino selar a súa credencial de forma cómoda e áxil e, sobre todo, vainos permitir en conxunto prestarlle un mellor servizo e información”.

O alcalde, Fernando Súarez, manifestou que “estamos afanados en seguir dando a coñecer o noso concello e a nosa comarca, loxicamente. Pretendemos vender o mellor de nós, que temos moito. Hoxe estamos aquí polo Camiño de Santiago, mañá estaremos por outras cousas porque Ribadeo ten moito que vender e é un punto obrigado de chegada, de partida, de paso e de encontro, iso por riba de todo”.

O rexedor destacou que “quixemos utilizar a potencia das novas tecnoloxías para darlle unha volta e facelo máis atractivo para o peregrino. Estamos aproveitando o bo facer dun obradoiro, que funciona de maneira marabillosa, con xente cualificada e capacitada, que aparte de traballar para formarse estannos axudando nun proxecto complexo e que vai durar moito máis aló que o propio obradoiro. Quixemos aproveitar as novas tecnoloxías para poder facer o que ata agora era unha quimera. Cando un peregrino chegaba a un concello tiña que asinar o selo para conseguir a Compostela en Santiago: ou tiña que ir á casa do cura ou a un determinado sitio, como a igrexa, etcétera. Agora vamos dar un cambio notable porque vosoutros, como hospitaleiros, podedes ter á vosa disposición no voso establecemento para que alguén cun código QR e un móbil, que todo o mundo ten, á unha da tarde ou ás cinco da mañá poida dicir eu marco aquí e xa quedei cumprido e acreditarei cando chegue a Santiago que polo menos por Ribadeo pasei. Iso é algo que ata hai moi pouco tempo non se podía facer e agora pódese por moitas cousas: polas persoas do obradoiro e porque vosoutros tamén vos implicades pois, como dicía Pablo, é unha honra empezar este proxecto aberto, vivo e que seguramente se vai ir mellorando e complementando, con medio cento de hostaleiros e comerciantes que apostan por esta cuestión”.

Para Fernando Suárez “é algo práctico que contribúe a ir facendo un sumatorio: o voso bo servizo e as posibilidades tecnolóxicas para seguir dando a coñecer o noso concello. Penso que esta iniciativa pioneira, polo menos na comarca, seguramente vai ter moita incidencia”.