Suárez Barcia sinalou que “esta gardería que ten Ribadeo conta con 105 prazas e foi ampliada hai tres anos, pero a necesidade, afortunadamente para Ribadeo, porque é unha vila viva, porque é un concello dinámico no que cada vez  hai máis xente, fixo que dita ampliación sexa insuficiente. Para iso hai uns dous anos asinamos un convenio coa Xunta anterior polo cal se cederan uns terreos propiedade do Concello na rúa Paco Lanza para facer unha nova gardería pública, contando así Ribadeo con dúas”. O alcalde manifestou que “isto foise demorando no tempo e veño de manter unha xuntanza co xerente actual do Consorcio Galego de Servizos Sociais para amosarlle a preocupación máis absoluta que existe en Ribadeo, e eu como alcalde non podo ser alleo a isto. A día de hoxe hai xente que vive en Ribadeo e que está a levar aos seus nenos ás garderías de Castropol e Barreiros porque a nosa está a tope e hai lista de espera. Dita lista aínda non reflicte a realidade que temos porque hai moita xente que xa en vista de que non ía ter praza non se anotou para poder concurrir a unha das prazas para os seus fillos”.

O rexedor engadiu que “o xerente con boas palabras me di que están tentando negociar co ministerio para asinar un novo convenio e que Ribadeo será unha prioridade para eles. Pero o tempo pasa, os pais e as nais teñen aos nenos ao coidado de terceiras persoas porque non contan con praza na gardería e outros levan aos seus fillos a Barreiros e Castropol… todo isto denota que a Xunta debe esmerarse para que unha vila dinámica como poucas que é Ribadeo non quede condenada a ser unha vila de segunda cunha única escola infantil de 0 a 3 anos”.