No seu discurso o rexedor lembrou que o Concello puxo a disposición da Xunta hai anos o terreo no que se levantaron estas vivendas. Fernando Suárez sinalou que “vimos de concluir aquí unha carreira que se iniciou no ano 2005 a través dunha proposta realizada polo grupo ao que eu pertenzo. E sintetizando aquel parágrafo dun par de folios de motivacións diciamos que unha das políticas principais da intervención pública das diferentes administracións é a de favorecer o acceso á vivenda digna e de calidade e a prezos razoables, sobre todo a aqueles que dispoñen de menos recursos”. O rexedor explicou que “para iso o Concello daquela ofreceu unha das poucas, por non dicir a única propiedade patrimonial da que dispoñía, unha parcela de 505 metros cadrados, proxecto dunha xestión urbanística dun planeamento anterior. Decidimos poñelo a disposición da Xunta para que levara adiante o que hoxe é unha realidade. En marzo de 2007 o goberno galego naquel entón, a través da Consellería de Vivenda, colleu o guante, licitou as obras e foi convertindo en realidade aquel proxecto. Por mandato democrático o novo goberno autonómico, do que Agustín Hernández é conselleiro, recolleu o testemuño daquelas obras en fase de remate e continuaron dándolle o impulso necesario para chegar a onde hoxe estamos”.

O alcalde ribadense sinalou que “cando as administracións traballamos con coordinación, máis aló das lexítimas discrepancias temos e teremos sobre cómo interpretamos a vida e a sociedade, cando deixamos iso a un lado e nos poñemos de acordo saen cousas moi potentes como ésta”.
Fernando Suárez dixo ser coñecedor “porque o vivimos en primeira persoa, da situación económica pola que estamos a pasar as administracións e a sociedade, pero iso non debe evitar que sigamos tentando facer cousas en conxunto. No ámbito da vivenda queremos seguir poñendo a disposición máis terreos para vivendas de protección oficial. Sabemos que mentras non existan instrumentos de planificación supramunicipal é necesario ter o PXOM aprobado”. O rexedor subliñou que “Ribadeo ten que aprobar dito plan e o PEPRI canto antes, estamos tomando esta tarefa con determinación entre todos os grupos que formamos parte da Corporación e pedímosche a ti, expresamente, Agustín, que as áreas da túa xestión implicadas na aprobación definitiva do PXOM se impliquen tamén positivamente ao igual que o fixeron neste proceso que hoxe estamos rematando para telo canto antes e que, entre outras vantaxes, nos permita obter recursos para seguir adiante con esta idea de ir facendo máis vivendas de protección oficial”.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras manifestou que poucos actos son tan agradecidos coma o desenvolvido hoxe en Ribadeo, a entrega de 29 vivendas as seus adxudicatarios. Agustín Hernández lembrou o investimento realizado pola Xunta neste proxecto e outras actuacións desenvolvidas no concello e indicou que “é certo, herdamos actuacións de gobernos anteriores dentro da normalidade democrática de calquera país, rematamos esas actuacións porque é a nosa obriga, e tamén é a nosa obriga dentro desta situación complicada que existe, manter a actividade pública das administracións”. O conselleiro anunciou que “imos escomezar actuacións, traballaremos co Concello de Ribadeo neses plans xerais para poder ordear convenientemente este concello e iniciaremos obras moi importantes como é a mellora do núcleo de Rinlo e como é ese abastecemento de agua que é imprescindible, temos un compromiso firme que se concretará ao longo deste ano para iniciar esa mellora e incremento de garantía do abastecemento neste concello”.

Ao acto que se desenvolveu esta mañá asistiron varios membros da Corporación Municipal ribadense ademáis dos adxudicatarios das vivendas.