A concelleira de Cultura de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, amosou esta maña a súa satisfacción tras a firma na xornada de onte dun convenio para a posta en marcha do servizo de transporte nocturno Buho entre os concellos de Ribadeo e Navia. Trátase dun pacto asinado ademais por outros concellos asturianos, para levar a cabo un servizo nocturno, que estará activo os venres e sábados ata mediados de setembro.
O traxecto recorrerá os concellos asturianos de Vegadeo, Castropol, Tapia de Casariego, El Franco, Coaña e Navia. Deste xeito, o Buho será compatible co Noitebús, que xa ven realizando un servizo similar, pero na zona de A Mariña.
As tarifas deste servizo estarán comprendidas entre os dous e os cinco euros, aínda que poderán usarse os bonos do Consorcio de Transportes de Asturias, co que os usuarios poderán obter importantes descontos.
Está previsto que en Ribadeo se poña en marcha un punto de venda de billetes para o servizo Buho, aínda que de momento se descoñece a data e o lugar exacto onde se localizará. Segundo salientou a concelleira ribadense “este servizo evita o risco que se ten cando se sae ás estradas”.