Arrincan esta vindeira fin de semana e prolongaranse ata o 5 de decembro

Actos 25N Ribadeo

Ribadeo organiza diversas actividades arredor do 25N. Arrincan esta vindeira fin de semana e prolongaranse ata o 5 de decembro. Haberá unha andaina, teatro, charlas para as familias, contacontos e talleres nos centros de ensino. Por aquí pasarán importantes figuras como José Antonio Vázquez Taín, Mª José Garrido Antón ou Olalla Guimarey.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que “como non podía ser doutro xeito, polo 25N Ribadeo pon o foco na prevención, na identificación, na actuación e na axuda contra a violencia de xénero. Se ben o traballo neste senso é constante durante os 365 días do ano, activarase unha programación especial con motivo desta data”.

A edil ribadense sinalou que “co lema Move ficha contra a violencia de xénero desde o Concello queremos animar a toda a sociedade a dar un paso cara adiante, xa que só xuntas e xuntos podemos erradicar esta lacra. E este paso cara adiante pasa por coñecer e identificar todos os tipos de violencia de xénero, que son moitos, e actuar para evitalos e eliminalos. O Concello organiza unha ampla programación destinada tanto aos centros de ensino como ao público xeral. Estas actividades abordan a sensibilización fronte á violencia de xénero e o impacto do mundo dixital, fomentando unha reflexión colectiva”.

Sanjurjo indicou que “as actividades educativas dentro do programa O Concello cos Coles comezarán o 25 de novembro. Teremos contacontos, que transmitirán valores de igualdade e respecto para alumnado de Infantil dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz. Haberá tamén obradoiros de pulseiras contra a violencia, o alumnado de toda primaria terá a oportunidade de participar nun taller especial centrado na elaboración de pulseiras simbólicas cunha mensaxe de apoio á loita contra a violencia”.

A concelleira de Igualdade seguiu a relatar que “o 28 de novembro dirixida a 2º ESO e 1º FP Básica, haberá unha sesión que contará con dúas propostas complementarias: Taller Conectad@s a cargo da Asociación AliadUltreia. Será un espazo para reflexionar sobre como as redes sociais inflúen no benestar emocional da mocidade. E Taller de ciberseguridade, que será impartido por María José Garrido Antón. A recoñecida psicóloga e experta en criminoloxía abordará como identificar sinais de violencia de xénero en liña. Este taller busca dotar á mocidade de habilidades para recoñecer e denunciar comportamentos tóxicos no ámbito dixital, promovendo a prevención”.

Begoña Sanjurjo contou que “xa en decembro a psicóloga Olalla Guimarey traballará con alumnado de 1º e 2º ESO para explorar o equilibrio entre o mundo dixital e o real e fomentar unha conciencia crítica e a aprendizaxe de ferramentas preventivas. Ás 18:30 h do día 4, no Cine Teatro, esta psicóloga dirixirase ás familias, analizando o Impacto do mundo dixital no benestar. Queremos convidar ás familias a unha charla especialmente dirixida a nais e pais para profundar no impacto das redes sociais na saúde mental das adolescentes. Para facilitar a asistencia das familias, o Concello farase cargo do servizo de ludoteca durante a charla. As persoas interesadas en facer uso deste servizo só deben avisarnos previamente no CIM, ata o día 3 pola mañá, para poder organizalo adecuadamente”.

E engadiu: “o venres 5 de decembro o xuíz José Antonio Vázquez Taín impartirá, ás 19:00 horas no Cine Teatro, unha charla onde analizará como as novas tecnoloxías están sendo empregadas en casos de violencia de xénero. Este xuíz é recoñecido por ser un dos referentes no ámbito da xustiza penal en Galicia, destaca polo seu papel en casos moi mediáticos. A súa ampla experiencia no tratamento de delitos dixitais e a súa capacidade de comunicación converten esta charla nunha oportunidade única para entender os retos legais e sociais da era dixital”.

A programación arredor do 25N da comezo xa esta fin de semana: “teremos dúas actividades para o público en xeral. A andaina Move ficha contra a violencia de xénero, que se celebrará o 23 de novembro. Terá inicio ás 11:00 da mañá na Rúa de San Roque e pasará polo Parador e a Praia dos Bloques, para poñer punto final no Auditorio Municipal, onde se celebrará un acto con lectura dun manifesto. Durante o camiño haberá paradas con materiais e dinámicas que visibilicen a loita contra a violencia de xénero. A andaina promove a reflexión colectiva e o compromiso social. O domingo 24 ás 19:00 horas o Auditorio Municipal acollerá a obra A Cincenta que non quería comer perdices da recoñecida compañía Sarabela Teatro. Trátase dunha proposta que rompe cos estereotipos tradicionais, cuestionando roles de xénero e abrindo un espazo de reflexión sobre as expectativas sociais impostas ás mulleres”.

A concelleira de Igualdade convida “a toda a cidadanía a participar activamente nesta programación, deseñada para fomentar unha maior conciencia social, dotar de ferramentas prácticas a diferentes públicos e reforzar o compromiso colectivo na loita contra a violencia de xénero. Vémonos comezando xa na andaina”.