Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta Saiz desde o equipo de goberno, e anuncia que “nas vindeiras semanas analizaremos as ordenanzas municipais e onde sexa posible baixar o prezo da taxa baixarase”.

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta Saiz desde o equipo de goberno, e anuncia que “nas vindeiras semanas analizaremos as ordenanzas municipais e onde sexa posible baixar o prezo da taxa baixarase”.

A edil ribadense dixo que “a pesar do que digan, desde o goberno municipal traballamos para baixar taxas e impostos que dependan directamente do Concello, ao mesmo tempo que traballamos por uns servizos públicos de calidade”.

Marta Saiz declarou que “algún grupo municipal na súa teima de confundir e enredar á veciñanza empéñase en manter o mesmo discurso, por certo xa bastante aburrido, da privatización e da subida de impostos. De verdade que nos sorprende; como dirían eles, estamos abraiados con este tipo de declaracións cando eles saben moi ben que se hai algún pequeno incremento no recibo corresponde ao IPC e ao contedor marrón, e este último soamente aos grandes xeradores. Ademais foron eles quen os solicitou, non entendemos agora tanta demagoxia con este tema. Aínda non é seguro, pero é posible que Sogama nos aumente a taxa. Ningún deles depende directamente do Concello”.

A concelleira sinalou que “levamos algún tempo escoitando barbaridades dalgún grupo municipal que realmente nos deixa perplexos. Mágoa a onde te pode levar a rabia e a desesperación. Este goberno non está privatizando ningún servizo, o que está facendo é licitando e reforzando en tempadas de aumento da poboación servizos que xa privatizou o anterior goberno. E tampouco vai subir impostos que dependan directamente do Concello. Todo o contrario: nas vindeiras semanas analizaremos as ordenanzas municipais, por certo, a maioría obsoletas e carentes de sentido nos días de hoxe. E onde sexa posible baixar o prezo da taxa baixarase, é necesario para os distintos sectores económicos da nosa vila”. E engadiu: “en fin, criticar por criticar, sen fundamento, co único propósito de confundir aos veciños e veciñas, desexando que todo vaia mal, non conduce a ningures e á larga pasa factura. Nós ao noso, como viñemos facendo ata o de agora: traballando arreo dende a humildade, pero pensando nun Ribadeo a longo prazo, próspero e cheo de oportunidades. Estamos seguros que entre todos construiremos un Ribadeo mellor”.