A edil ribadense declarou que “dende o Concello de Ribadeo nos trasladamos ata Santiago para participar neste Fairway do Camiño de Santiago, o  terceiro fórum que se fai vinculado ao turismo e ás experiencias vividas arredor do Camiño”.

A concelleira de Turismo dixo: “entendemos que Ribadeo ten unha presenza importante. Somos a porta de entrada por este Camiño Norte a Galicia. Eses 190 quilómetros que nos distancian de Compostela son un percorrido importante para o peregrino e aí entendemos que Ribadeo é un punto xa non soamente de tránsito senón de inicio para moita xente para percorrer este tramo cara a Compostela”.

Ana Martínez subliñou que “estamos aquí para recoller diversas experiencias, opinións e ver cousas que se poidan estar facendo noutros lugares trasladables ao noso concello. Cremos que é un motor importante o Camiño de Santiago ao paso por Ribadeo, temos moitísimos recursos que se poden presentar ao viaxeiro, a ese viaxeiro que ven buscando experiencias e fundirse coa parte máis interior. Entendemos que non soamente o que é a entrada, que xa é un punto importante, esa ría que lle abría a porta de Galicia ao peregrino a través das barquerías, senón tamén todo o tránsito polo interior do concello. Chegar á Ponte de Arante creo que tamén é outro dos recursos importantes onde o peregrino pode vivir unha experiencia nesa capela, con esas pinturas magníficas, e o percorrido por todo o tramo do concello de Ribadeo supón un aliciente máis”.

A concelleira engadiu: “estamos aquí en Santiago para intentar recoller ideas, traballar, participar nos foros que se están dando e potenciar este recurso que, ademais do que poida ser a tempada estival onde Ribadeo normalmente xa está cuberto turisticamente, teñamos a posibilidade de facelo probablemente desde os meses de marzo a outubro que hai unha grande afluencia de peregrinos que debemos saber aproveitar e potenciar. Polo tanto levaremos todos os recursos novos que poidamos aportar”.

Ana Martínez anunciou: “quero adiantar que durante este inverno intentaremos facer diversas xornadas de información aos hostaleiros, aos empresarios e aos emprendedores ou emprendedoras que queiran iniciar unha parte profesional vinculada ao Camiño e a Ribadeo”.