Durante a súa intervención,  Pablo Vizoso sinalou que “a plataforma dixital como un activo a sumar na promoción de Ribadeo como destino turístico”, e destacou “o traballo que se ven desenvolvendo desde o Concello para fidelizar visitantes e atraer novos segmentos de demanda, con produtos cunha forte compoñente cultural, como o Ribadeo Indiano ou o Ribadeo Ilustrado, ou natural, coa praia das Catedrais como elemento fundamental na difusión internacional, pero tamén outras iniciativas como  O Renacer do Cantil,  SetembroXNatural ou As XeoRutas”.

En liña coa formulación da plataforma, Pablo Vizoso sinalou as vantaxas do “turismo experiencial, co que,  máis aló dos servizos e produtos,  se propón ás persoas visitantes interactuar co medio, coas persoas residentes e coa súa cultura, propiciando vivencias que perduran máis aló da viaxe”.

O acto contou co apoio da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade, que colabora na iniciativa a través dun convenio de colaboración, dirixido a poñer en valor a gastronomía e o sector primario como recurso turístico.
Nese marco, o acto de presentación pechouse cunha degustación de produtos agroalimentarios e pesqueiros da Mariña, cun completo menú conformado por croquetas de marisco (da Coquetina); embutidos de porco de O Mazo; empanada de bonito de Panadería Torviso; cazoliña de fabas de Lourenzá de Terras dá Mariña con polbo de Piñeira; espetada de pescada de Burela do petisco de calidade á galega sobre puré de patacas; arroz negro con luras da ría de Ribadeo, e torta de queixo do restaurante Náutico. A adega conformarana viño albariño Ézaro de Castelo San Damián e vermú Arnao, tamén da firma ribadense Discosta.

A deputada Mónica Freire explicou que “a gastronomía é tradicionalmente un dos aspectos que máis valora o turismo á hora de elixir destino, e entendemos que debemos aproveitar ese interese para trasladar ás persoas visitantes e potenciais visitantes,  non só a calidade dos alimentos  , senón tamén o valor ambiental, social e económico da produción de alimentos, e en xeral do sector primario”.   Nese sentido,  destacou que “a través destas iniciativas, a promoción turística se converte  tamén unha ferramenta para a promoción da actividade comercial de produtores e produtoras de Ribadeo e da comarca”. 

O evento, presentado polo ribadense Fabián Pérez, xornalista de Catro TV,  tamén contou coa presenza de Juan Serrano, director da Casa de Galicia en Madrid, do presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Pablo Fernández Ferreyra; do presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez Sierra, así como do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz.