O rexedor contou que “con este novidoso programa buscamos dinamizar na medida do posible a economía local a través da aposta por algúns sectores que teñen maiores perspectivas de futuro aquí, en Ribadeo, como poden ser o das novas tecnoloxías, por unha banda, e, por outra, o aproveitamento dos produtos primarios. Queremos tamén con este programa de dinamización impulsar as pequenas e medianas empresas radicadas no noso territorio e ás persoas que pretenden emprender, a través da posta en marcha dun programa que permita mellorar os tres piares fundamentais das empresas, que son a xestión, a comercialización e o marketing. Por iso queremos centrarnos en tres áreas diferenciadas: a primeira delas é a área de emprego 2.0 e novas tecnoloxías; a segunda delas, unha área de empresas e emprendemento; e a terceira, un área de desenvolvemento rural e aproveitamento de produtos primarios”.

Sobre a primeira das áreas: emprego 2.0 e novas tecnoloxías Suárez Barcia dixo que “haberá 15 prazas, o que pretendemos é que vendo os novos servizos que están a xurdir debido á revolución das redes sociais queremos modificar as relacións de comunicación das empresas e das organizacións con respecto aos seus clientes. Vemos que hai un nicho moi importante de emprego porque están xurdindo novos profesionais que se chaman 2.0, entre os que se atopa esta figura que en inglés se chama community manager, que realmente é a persoa encargada de xestionar, moderar e desenvolver comunidades arredor dunha marca en internet facendo uso das novas canles que representan os medios sociais. De aí que faremos un curso de community manager de un total de 200 horas, das que 80 serán teoría e 120 de práctica, que se van realizar en empresas de Ribadeo que estean interesadas en desenvolver un plan de marketing on line colaborando con nós”. O prazo de inscrición para estas 15 prazas estará aberto ata o día 4 de maio, as bases para a escolla das persoas están na páxina do Concello, que é ribadeo.gal, “e queremos brindar a posibilidade a todas as persoas que buscan máis polo miúdo todos os condicionantes e posibilidades para que se anoten”.

O alcalde ribadense rematou sinalando que “nos próximos tempos iremos explicando as outras dúas partes deste ambicioso programa que se chama Ribadeo medra contigo, tanto xa no seguinte apartado, enfocado a empresas e emprendemento, e tamén no que ten que ver co desenvolvemento rural”.