A Delegación de Desenvolvemento Local e Turismo do Concello quere pór en marcha unha nova liña de propostas gastronómicas de Ribadeo,  baseadas en  produtos da zona procedentes do mar, da ría e da horta. A edil nacionalista, Ana Martínez, sinalou que “queremos potenciar así a gastronomía da zona, do producido e feito aquí, achegarnos á calidade e frescura da proximidade e do valor que aporta á nosa economía local. E para elo traballaremos en varios produtos que se adecuarán ao perfil e demanda das diferentes tipoloxías dos establecementos de Ribadeo. Os dous primeiros serán os denominados Bono gastronómico e Sabores de Ribadeo”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo indicou que “o Bono gastronómico será un produto de calidade composto por un  menú degustación dirixido a restaurantes que deberán cumprir cos requisitos que serán establecidos por un profesional da materia e que neste caso estará asesorado e validado polo cociñeiro Gonzalo Pañeda que rexenta actualmente o restaurante El Puerto en Gijón e que conta cunha estrela Michelín”. E engadiu que “pretendemos que o Bono gastronómico se converta nun produto de referencia para a nosa zona cunha imaxe de calidade e que poderá ser vendido vía on line e servir como agasallo para calquera ocasión especial”.

Ana Martínez dixo que “Sabores de Ribadeo será unha proposta que tamén se baseará en produtos da zona e estará dirixido a bares, mesóns e outros establecementos que non teñan cabida no Bono Gastronómico e virán conformando unha oferta de tapas e racións baseados en produtos de Ribadeo e a súa contorna”. Para a difusión destes dous produtos aproveitarase a aplicación informática Ribadeo gastronómico, recentemente empregada con tanto éxito no concurso gastronómico Ribadeo de tapeo, xa que se superaron as 1.000 descargas en 10 días.

O vindeiro xoves, 30 de maio, ás 10:30 horas no salón de plenos do Concello teremos a primeira xuntanza con Gonzalo Pañeda, que estará dirixida a aqueles restaurantes que desexen participar no Bono gastronómico.