O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez dixo que “entre a xente da terceira idade existe unha tendencia a padecer trastornos de inxesta alimentaria cos consecuentes déficits nutricionais, non sempre clínicamente manifestos… por iso imos realizar este estudio para despois en función dos resultados obtidos poder actuar. Trátase dun paso importante de cara a mellora a calidade de vida dos nosos maiores”. O presidente do Colexio de Médicos, José Ignacio Vidal Pardo, sinalou que “Ribadeo presenta unhas características demográficas que o fan idóneo para realizar este estudio muestral desde o punto de vista nutricional porque conta con poboación rural, urbana, costeira e de interior. Queremos comparar a xente que come do que fai na casa coa xente que participa no programa Xantar sobre rodas”.
Os obxectivos do estudio pasan por coñecer o estado nutricional da poboación anciá de Ribadeo, por realizar un estudio de metabolismo fosfo-cálcico e de vitamina D nesta poboación non illada e por valorar as condicións de vida e os seus hábitos alimentarios para despois actuar en consecuencia. Serán obxecto de dito estudio 35 persoas beneficiarias de Xantar sobre rodas e outras 35 elexidas aleatoriamente dentro dos que comen no seu medio familiar. Dous médicos, dous diplomados en enfermería e o asistente social serán os encargados de obter toda a información clínica e as enquisas nutricionais e socio sanitarias.
A delegada da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Branca Rodríguez Pazos asegurou que “a máxima preocupación da Xunta son as persoas maiores e tamén os maiores depedentes” e destacou que Ribadeo “foi pioneiro na posta en marcha do programa Xantar na casa que na actualidade está xa en 26 concellos da provincia de Lugo e ao longo deste 2009 agardamos que estea xa en todos”. Rodríguez Pazos suliñou a importancia deste estudio “porque moitos dos nosos maiores perderon o hábito de comer variado” e dixo tamén que “Ribadeo será un exemplo para o Consorcio Galego de Servizos Sociais que xunto coas tres universidades galegas está tentando facer tamén un estudio deste tipo no que despois se poderá integrar Ribadeo”. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asume o custe da realización deste estudio nutricional e de calidade de vida dos habitantes da terceria idade de Ribadeo.