Ribadeo fai unha valoración positiva das bandeiras azuis acadadas polas praias de As Catedrais e Os Castros – As Illas.

bandeiras azuis ribadeo

O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración positiva das bandeiras azuis que veñen de conseguir as praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas.

O rexedor municipal manifesta: “dende o Concello facemos unha valoración moi positiva das bandeiras azuis acadadas polas praias de As Catedrais, Os Castros e Illas. Estamos satisfeitos e cheos de orgullo porque son areais significativos dentro do mapa galego e estas distincións son algo moi a destacar. Dende o Concello o que estamos a facer e coidar e conservar todos estes espazos naturais, que evidentemente son puntos de referencia turística. O traballo é importante, a planificación é fundamental e tamén ter unha coordinación entre administracións. Xa dixemos hai tempo que había que mellorar a praia das Catedrais porque sabemos que é espazo natural marabilloso, é un referente turístico moi importante, pero debemos melloralo e por iso imos investir orzamento, neste caso directamente a Xunta. Sabemos perfectamente tamén que Castros e Illas son unhas praias marabillosas cuns entornos naturais que debemos conservar porque temos a obriga de facelo. Polo tanto imos investir aí, con ese convenio coa Xunta de Galicia, en conservar estes entornos naturais”.

Dani Vega engadiu que “as praias deben contar con servizos de socorrismo, asistencia sanitaria, limpeza, mellorar as contornas, pero todo baixo unha planificación. E iso foi o que valoraron para que estes entornos teñan a bandeira azul. E tamén hai que felicitar ao Real Club Náutico de Ribadeo, co que o Concello traballa conxuntamente e vamos seguir nesa colaboración porque así é como se deben facer as cousas e así temos estes resultados e por iso temos que seguir nesta liña que, dende a humildade, creo que é a correcta”.