O rexedor trasladou “a miña satisfacción por cómo foi onte a presentación desta denominación que temos de Ribadeo eventos. Trátase dunha iniciativa que estamos levando adiante desde o Concello co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, e que pretende facer de Ribadeo un lugar atractivo para que poida vir xente, para que poidamos organizar congresos, para que poidamos organizar eventos de grupos que redunden en todo o sector da hostalería, dos hoteis e en toda esta oferta incipiente, pero xa importante, de ocio que temos en Ribadeo con empresas adicadas a isto”.

Suárez Barcia indicou que “se trata, tal e como lles explicamos onte, de ofrecer un instrumento para que se poidan poñer en valor os recursos que temos en Ribadeo, os recursos naturais, culturais e humanos. Hai que poñelos a traballar en rede para lograr, entre todos, que Ribadeo sexa moito máis do que xa é agora, un lugar de destino preferente máis aló das temporadas altas”.

O alcalde ribadense anunciou que “con toda a xente á que convidamos e que asistiu ao encontro de onte, e con toda a outra que segue a estar convidada imos manter unha serie de xuntanzas sectoriais o vindeiro 7 de marzo. Ás 16:30 horas será o encontro cos aloxamentos, ás 18:30 horas coa restauración e ás 20:30 horas co sector do ocio para ir configurando, entre todos, o produto turístico de Ribadeo. Contamos coa xente que veu na tarde de onte e con toda a que se sumará nos vindeiros días a este proxecto novidoso, que non pretende crear o congreso mundial de móviles que se está a celebrar en Barcelona estes días, pero o que sí pretendemos e imos facelo é poñer a Ribadeo no mapa de turismo de destino de grupos, de conferencias, de eventos especiais, fóra do que é a temporada alta”.