Ribadeo está pendente este Xoves Santo das ondas xigantes no entorno do Faro da Illa Pancha.

O surfista Eric Rebiere estará surfeando hoxe, xoves, na compaña de Willyan Santana. Tamén se agarda a participación da xove promesa do surf francés Juliette Lacome, de 21 anos, así como do americano Mason Barnes.

Agárdase que a emblemática onda de Illa Pancha rompa hoxe entre as dez da mañá e as dúas da tarde.

O alcalde, Dani Vega, agarda que “todas as persoas que se acheguen ata as inmediacións do Faro da Illa Pancha poidan gozar do fermoso espectáculo visual que forman o surf e o mar. Desde o Concello pedimos precaución para circular pola zona e moita prudencia á hora de achegarse en exceso aos acantilados. Haberá vento e grandes ondas, de aí que insistamos en chamar á precaución. Estes son días nos que Ribadeo recibe a milleiros de visitantes e sabemos que moitos deles estarán dispostos a deixarse sorprender pola grande onda da Illa Pancha”.