Suárez Barcia explicou que “viñemos a explicarlle á Comisión Europea algo tan paradóxico como que Ribadeo é un dos pouquísimos Concellos que está intentando cumprir a lei nin máis nin menos. Resulta paradóxico porque estamos intentando cumprir unha lei que leva doce anos en vigor, que é unha lei autonómica que obriga aos Concellos, pero que tamén obriga á Xunta de Galicia. Todo o traballo que fixemos, que temos que valorar, e por iso explicamos que o entorno do 80% de todas as parcelas que estaban incumprindo a lei de incendios de Galicia xa foron adaptadas, pero realmente nada de todo ese traballo, que foi inxente por parte do Concello de Ribadeo e que nos levou unha chea de recursos económicos e técnicos, non tivemos nin o primeiro apoio nin alento por parte da Xunta de Galicia. É algo inxusto e o que viñemos dicir á Unión Europea é que así dificilmente poderemos aplicar a toda Galicia os modelos que pequenos quixotes andamos facendo con actuacións independentes en cada Concello”.

O alcalde ribadense engadiu que “a Xunta de Galicia se ten que implicar e a política forestal ten que ser dunha maneira moito máis global e intentando regular este desorde que hai no sector forestal. Desde logo os eucaliptos non poden chegar ás casas nin en Ribadeo nin en ningún outro sitio, pero nosoutros falamos do noso ámbito de competencias que é estritamente municipal. Ademais poñendo de releve que non soamente hai que cortar cada ano, porque cada ano volven retoñar e volve haber maleza, senón que esta política de rexenerar os espazos ao pé das vivendas e ao pé dos núcleos con vexetación autóctona é a guía que debemos seguir todos, non soamente Ribadeo senón toda Galicia. É o que lle viñemos contar á Comisión Europea e, polas súas caras e pola súa aceptación, din que imos pola boa liña, polo bo camiño”.