A edil nacionalista sinalou que “o Concello e Acisa, logo da experiencia positiva levada a cabo coa presenza de Ribadeo na feira de turismo de interior (Intur) de Valladolid, acudimos agora a Expovacaciones a Bilbao para presentar nese escaparate as propostas do noso concello. A feira desenvólvese do 2 ao 5 de maio e Ribadeo contará cun stand propio desde o que daremos a coñecer a oferta de servizos turísticos e complementarios xunto coas experiencias que o visitante poderá coñecer e vivir en Ribadeo”.

Concello de Ribadeo e Acisa “entendemos que Bilbao é un punto estratéxico para posicionarnos no mercado de proximidade, buscando ese viaxeiro que dentro do que é o norte se pode achegar a Ribadeo non tanto en temporada alta senón ao longo do ano durante as fins de semana ou pontes. É un viaxeiro de calidade ao que ben seguro Ribadeo lle pode ofrecer o que el demanda nas súas viaxes que é esa calidade nos aloxamentos, a boa gastronomía, un comercio vivo e actual, unha vida cultural, un ocio nocturno e un patrimonio natural e histórico que son un referente da nosa vila e do noso concello”.

Ana Martínez indicou que “dentro destes catro día haberá unhas xornadas profesionais nas que buscaremos contactos propicios dentro dos axentes turísticos para que Ribadeo forme parte das súas propostas presentándolles o Ribadeo de eventos, o Ribadeo de tapeo que está ben próximo a celebrarse, entre outras moitas alternativas se que poden atopar en Ribadeo. E nos dous últimos días da feira, entrando xa na fin de semana, están as xornadas abertas ao público. Eses días e coa colaboración dos seguintes establecementos hostaleiros: O Cabazo, A Casona Lazúrtegui, Voar, AG Porcillán, Fogar do Mariñeiro, Balastrera, Mi Norte, Mediante, Porto de Rinlo e Casa Benito seguiremos facendo desde o stand de Ribadeo unha serie de sorteos de estancias de hotel e paquetes gastronómicos para que a xente os veña a disfrutar ao tempo que nos permite que o público se interese pola nosa oferta dentro da feira. O Centro Comercial Aberto tamén sorteará vales para consumir nos seus establecementos asociados”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo agradeceu “a predisposición de Acisa para traballar dun xeito colaborativo xunto co Concello buscando conxuntamente o beneficio dos comerciantes, dos hostaleiros e dos autónomos, en resumo buscando o beneficio dos veciños e das veciñas de Ribadeo”.