Os servizos de normalización lingüística dos concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo súmanse aos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse. Tamén pode contactar co proxecto a través da súa presenza na internet: http://www.apego.gal/ e http://www.facebook.com/apego.galDespois

Despois do primeiro ano de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse 11 novos concellos, entre eles o de Ribadeo, o único nestes momentos da provincia de Lugo adherido ao Programa Apego, aos 12 concellos que inicialmente o botaron a andar. Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.100.000 habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia, pois neste proxecto participan 6 das 7 cidades galegas.

Farruco Graña anima aos concellos da Mariña e do resto da provincia de Lugo a achegarse a este programa e a sumarse a partires do vindeiro ano. E anuncia que traerá a Ribadeo actuacións musicais destinadas aos máis pequen@s e tamén diverso material didáctico, entre outras cousas. Aquelas familias que teñan bebés ou que os vaian ter ao longo dos vindeiros meses poden dirixirse á Casa da Cultura a solicitar información sobre Apego.

O acto, celebrado o sábado pasado no Coruña, estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística, que explicaron que é o Programa Apego e a quen se dirixe co apoio de moitas imaxes da andaina percorrida ata o momento. Foi presidido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, “Arrolos de salitre” protagonizado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández para os nenos e nenas entre 0 e 6 anos e as súas familias, os principais destinatarios do proxecto.

En representación dos concellos que formaron parte do Apego desde o inicio, interviñeron no acto os alcaldes da Baña e de Negreira, e en nome dos que agora se incorporan as alcaldesas de Muros e Moaña, ademais do anfitrión. As intervencións de alcaldes e alcaldesas fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de maneira especial, dirixíronse ás nais e pais para os convidaren a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.