Ribadeo emprende é un programa aberto organizado polas Concellarías de Mocidade e Desenvolvemento Local de Ribadeo “e que fundamentalmente o que busca é apostar polo talento, pola innovación, pola formación e polas ideas da xente nova e non tan nova de Ribadeo, que busca nestes tempos tan difíciles e complexos para levar adiante calquera tipo de iniciativa económica maneiras novas e diferentes de sacar adiante as súas ideas para facer posible o que todos e todas queremos, que é poder vivir e traballar dignamente na nosa propia terra, no noso entorno e rodeados da xente coa que nos sentimos cómodos”, explica Xavier Campos, concelleiro de Mocidade.

O edil nacionalista sinalou que “neste caso vai ter lugar a segunda actividade, que leva o nome de Diálogos inspiradores e que consiste basicamente na explicación por parte dos seus protagonistas de tres propostas de emprendemento que agora mesmo están xa en marcha en Ribadeo. A primeira delas é a proposta do colectivo O Formigueiro, unha iniciativa de cooperativismo social que está desde hai un mes e medio intentando levar adiante en Ribadeo diferentes iniciativas de formación orientadas á creación de emprego por parte de persoas que agora mesmo están en situación de paro, de desemprego, e que para iso están colectivamente traballando na busca de saídas laborais desde un visión diferente, social”.

Xavier Campos seguiu a relatar que “estará tamén a proposta Mau Marela, un espazo de aprendizaxe e de creatividade pedagóxica que está asociada ao espazo da Casa das Letras de Ribadeo e que leva unhas poucas semanas funcionando de forma tamén cooperativa entre diferentes profesionais da pedagoxía, da psicoloxía e doutras disciplinas e que unen o seu talentos e as súas forzas para sacar adiante esta iniciativa. E por último a empresa Mimadrinha, que é unha iniciativa que parte do talento artístico, neste caso, e que se orienta á actividade comercial”.

O concelleiro de Mocidade engadiu que “as persoas destas tres iniciativas (de Mimadrinha, de Mau Marela e de O Formigueiro) estarán con todos aqueles mozos e mozas que se queiran achegar á Casa da Xuventude ás oito e media da tarde de mañá, venres, para contrastar con eles cales son as súas formas de funcionar, de que maneira están intentando sortear a crise e saír adiante para poder vivir do que son capaces de facer, do que lle gusta e no que se senten formados”.

Desde as áreas de Desenvolvemento Local e de Mocidade “o que facemos é un convite a todas aquelas persoas que estean interesadas neste tipo de cuestións a que asistan á Casa da Xuventude a esta actividade formativa, pero tamén de contraste de opinión, de debate e de diálogos inspiradores para buscar saídas entre todos a unha situación de continuos recortes e destas políticas de austeridade que padece o pobo a costa de que despois vexamos que enriquecen aos poderosos, aos ricos. Temos que buscar saídas e seguramente camiños alternativos nunha época tan convulsa como a que vivimos”.