O edil contou que “este portal de emprego municipal que a Área de Desenvolvemento Local puxo en marcha no mes de marzo deste ano recibiu unha boa acollida e presentou un incremento paulatino de persoas usuarias rexistradas e de ofertas de emprego publicadas”.

Vizoso Galdo subliñou que “a día de hoxe o número de ofertas de emprego difundidas a través da plataforma ascende a 58, a maioría para a municipio de Ribadeo, pero tamén para outras localidades da comarca da Mariña. Entre as ofertas publicadas destacan postos de condutores, de monitores de tempo libre, mozxs de carga e descarga, tamén hixienista dental, auxiliar de clínica, persoal para obras de restauración ambiental e persoal de limpeza”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local fixo que “neste servizo de intermediación laboral,  as empresas poden ofertar os seus postos de traballo de forma totalmente gratuíta e acceder aos perfís das persoas inscritas neles, facilitando así a selección de candidaturas”. 

Pablo Vizoso explicou que “actualmente, a cifra de demandantes inscritos na plataforma elévase a 313. Os/as candidatos/as do Portal de Emprego poden postular ás ofertas de traballo publicadas que se adapten mellor ao seu obxectivo profesional e consultar as novas máis relevantes sobre formación e emprego”.

E engadiu que “as inscricións, tanto para demandantes como para empresas ofertantes, deben realizarse de forma online, a través da plataforma web deste portal. Para realizar calquera consulta sobre as altas ou funcionamento do Portal de Emprego, as persoas interesadas tamén poden dirixirse ao Servizo de Orientación Laboral do Concello”.