O Concello de Ribadeo ven de editar 15.000 exemplares dun novo folleto turístico que xa está a repartir polos establecementos hostaleiros da zona. O alcalde, Fernando Suárez, destaca a boa acollida que está a ter o folleto.

No anverso do despregable aparece o casco vello de Ribadeo e os detalles históricos e patrimoniais máis destacados e no reverso ten un mapa do Concello, tamén coas diferentes parroquias e os detalles máis singulares de todas elas. O rexedor considera que este folleto era necesario, porque a pesares de ser Ribadeo un municipio turístico, cun plano de dinamización e cunha recepción crecente de visitantes, non contaba cun documento informativo destas características.

Suárez Barcia engade que o mapa, debuxado por Chencho Pardo, recolle integramente os recursos turísticos de Ribadeo, desde o punto de vista histórico e “poñendo en valor a nosa historia e o noso patrimonio”. Estes días espérase enviar exemplares sen dobrar deste novo folleto turístico de Ribadeo aos hostaleiros.

O alcalde agradécelle tamén o achegamento económico á Dirección Xeral de Turismo da Xunta e tamén á Area de Turismo da Deputación Provincial de Lugo. Estas entidades financiaron case a totalidade do custe do folleto, que se situou en 18.000 euros.



Rinlo e Arante

O Concello de Ribadeo tamén fixo folletos específicos de Rinlo “dado que é unha parroquia urbana de Ribadeo e un dos atractivos turísticos máis importantes que temos”, explica Fernando Suárez. Tamén se editaron folletos singulares para a Ponte de Arante, polo interese turístico da súa capela e a relevancia dos seus frescos do século XVI.

O alcalde destacou tamén o episodio histórico en que a Ponte foi escenario dunha batalla contra un destacamento francés no ano 1809 que gañaron veciños das parroquias de Ribadeo e de Trabada. “Iso é parte da nosa historia que queremos compartir cos visitantes que veñen a esta zona este verán” dixo.