O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez e o delegado provincial de Medio Ambiente, Eduardo Vidal presidiron hoxe o acto de entrega ao Concello dun novo camión para a recollida do lixo. O rexedor dixo que “grazas a unha importantísima achega da Consellaría de Medio Ambiente duns 120.000 euros se sufragou o custe deste camión, que é duns 140.000 euros, polo que o Concello só tivo que achegar unha cantidade duns 20.000 euros”.
Fernando Suárez asegura que este camión “era absolutamente necesario para Ribadeo” xa que dos dous vehículos que tiña o Concello para a recollida do lixo, un deles, un camión Pegaso moi vello xa se encontraba moi deteriorado e non era posible volver a empregalo.
“A partir disto”, comentou o rexedor, “realizamos unha serie de xestións coa Consellaría de Medio Ambiente e hoxe está aquí o seu delegado para o acto de entrega deste vehículo que vai resolver unha eiva moi importante que tiñamos”.
O alcalde engadiu que “agora xunto co outro camión que adquirimos hai uns seis anos e que funciona perfectamente incorporamos ao parque de maquinaria municipal un novo vehículo Mercedes cunha capacidade de 18 metros cúbicos cando o anterior só tiña 10”. Neste sentido, Fernando Súarez considera que con esta nova adquisición “o parque de maquinaria do Concello é un pouco máis moderno e ten un novo vehículo exemplar, algo do que temos que estarlle moi agradecidos á Consellaría de Medio Ambiente”.