O rexedor sinalou que “Ribadeo é un destino turístico emerxente, ao que cada vez ven máis xente, algo que nos honra dende o Concello. E que toda esta campaña de publicidade que levamos un tempo facendo, agora vemos como está dando os seus froitos. Apoiámonos en datos e non soamente en impresións, dado que as cifras que nos ofrecen das oficinas de turismo tanto de aquí de Ribadeo como do punto de información turístico das Catedrais, a verdade é que abraian e marean pola cantidade de xente que nos ven visitar”.

Entre os datos ofrecidos polo alcalde figuran que “neste pasado mes de xullo atendéronse a 10.000 visitantes na oficina de Ribadeo, pero é que no punto de información turística das Catedrais, nese mesmo mes, atendéronse a 12.000 visitantes. Hai que ter en conta que máis de 22.000 persoas polo tanto viñeron pedir información turística a algún destes dous puntos no mes de xullo, que non quere dicir as moitas máis que viñeron ao noso concello durante ese período”.

Suárez Barcia explicou que “se nos achegamos ao mes no que estamos, ao mes de agosto, nesta primeira quincena que acabamos de superar, acudiron á oficina de Ribadeo máis de 7.000 persoas e á das Catedrais máis de 10.000 persoas, atendendo diariamente a máis de 1.000 persoas entre as dúas oficinas, chegando a días de case 1.500. Digo isto porque é o primeiro ano que contamos a pleno funcionamento con oito informadoras turísticas aquí en Ribadeo e, aínda así, hai colas nas dúas oficinas”. O rexedor convidou “a calquera persoa a que se achegue en calquera momento á oficina de turismo de Ribadeo ou ao punto de información turística das Catedrais, para ver a demanda que hai de información sobre todo do noso concello e tamén, como non, da comarca e do país”. E engadiu que “a ocupación hoteleira está preto do 100%, preto da ocupación total, a xulgar polas consultas que fixemos a un número considerable de establecementos. As procedencias seguen sendo moi importantes de Madrid, Cataluña, Castela e León, País Vasco, e de importancia estranxeira, sobre todo, de Francia, Alemaña e Italia. Téñennos visitado turistas de máis de 32 nacionalidades”.

Polo que se refire á pasada ponte festiva comprendida entre o 15 e o 18 de agosto foron 2.500 as persoas que se achegaron á oficina de turismo de Ribadeo en busca de información e máis de 3.000 ao punto das Catedrais. Suárez Barcia subliña que “só o venres cuantificamos a entrada de máis de 10.000 persoas na praia, cifra que se repetiu noutras xornadas desta ponte, pero o número de persoas que piden e demandan información é unha porcentaxe pequena, porque tamén moitos turistas acoden directamente ao areal sen pasar por este punto”.

O alcalde de Ribadeo destacou “o caderno de viaxeiros ribadenses, a través do que damos as credenciais coa acuarela das Catedrais a todas aquelas persoas que vaian ás Catedrais e que logo saquen varias fotos en diferentes situacións como Rinlo, a Illa Pancha, o Cargadeiro ou mesmo o parque de San Francisco. Xa levamos tres mil dadas. E nunha iniciativa que votamos a andar hai moi pouquiños días en colaboración con ACISA, a Asociación de Comerciantes, polo cal tamén entregamos esta tarxeta de 24 horas de duración para que poidan facer descontos nos establecementos adheridos, xa levamos entregadas máis de 500 tarxetas”.

Fernando Suárez Barcia felicitou “á hostalería e ao comercio porque eu creo que estamos dando o callo duramente nesta temporada alta. Ribadeo está de moda e é cada vez máis visitado, ben sexa polo casco vello, ben sexa polas praias, pola gastronomía ou por este fenómeno turístico internacional como é a praia das Catedrais, pero é un sitio que está en alza e que cada vez se acorda, para ben, máis xente de nós”.

O albergue de peregrinos do Cargadeiro (Ribadeo) rexistra un cheo a diario, moitos camiñantes pasan a noite no de Vilela, e outros elixen os hostais da vila. Segundo os datos que hoxe deu a coñecer o Concello chegan de lugares tan diversos como a República Checa, Alemaña, Francia, Polonia ou Corea do Sur.