Fernando Suárez informou esta mañá ao conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia de que “o abastecemento principal da vila de Ribadeo e de unha parte importante do Concello vén desde Vilarbetote, en Trabada, e discorre por unha liña de 22 quilómetros que ten máis de 33 anos”. O rexedor comunicoulle tamén que isto “dá problemas de roturas cada pouco tempo, co que a empresa concesionaria xa nos advertiu de que podería chegar a producirse en algún momento unha rotura de grandes dimensións”. A isto hai que engadir, tal e como lle comunicou Suárez ao conselleiro, os problemas de contar con unha traída moi vella e un depósito de acumulación de auga (en Santa Cruz) que é demasiado pequeno para o que é hoxe en día a vila de Ribadeo. Isto supón que non hai capacidade de almacenamento suficiente e que, no caso de romperse a acometida principal Ribadeo podería quedar sen auga en poucas horas n ocaso de tratarse de unha rotura importante.
Suárez Barcia asegura que “somos conscientes de que esta non é unha cuestión que se poida resolver de hoxe para mañá, pero é algo que a Xunta, a Consellaría de Medio Ambiente e Augas de Galicia deben ter presente para poder aproveitar, por exemplo, fondos europeos para proceder por unha banda á renovación do que é a acometida de captación de auga, que ten 22 quilómetros de lonxitude, e por outra banda, á construcción dun novo depósito de auga que sirva para regular caudal e dar unha presión axeitada”. O alcalde engade que “disto saben ben moitas familias de parroquias coma Vilaframil ou Piñeira que ás veces teñen problemas de presión e son os primeiros en padecer a falta dun depósito que poida regulala, sobre todo no caso de que se producise algunha continxencia”.
O rexedor ribadense considera que “o conselleiro foi receptivo a estas peticións que xa lle fixemos chegar noutras ocasións por outras vías e comprometeuse a estudar seriamente o caso e a darnos noticias dentro dun tempo, que nós agardamos que sexan positivas para os veciños e veciñas de Ribadeo”.
Manuel Vázquez e Fernando Suárez falaron do abastecemento de auga de Ribadeo esta mañá en Santiago despois de asinar un protocolo de colaboración para a adquisición dun camión destinado á recollida dos residuos sólidos urbanos.