O obxectivo desta cita é promocionar a cultura das tapas e fomentar a calidade da gastronomía da vila. Os establecementos locais que desexen participar no Ribadeo de tapeo poden inscribirse ata o vindeiro 7 de abril ás 14 horas.

Haberá catro premios do xurado: o primeiro, o segundo e o terceiro e a novidade deste ano que será o premio tapa de Ribadeo. Ésta deberá ser realizada con produtos da zona e de proximidade. Así mesmo valorárase que ademais se empreguen produtos de temporada. Os premios que recibirán a primeira, a segunda e a terceira tapa, elixida por un xurado experto, será unha placa de recoñecemento. E o premio para o establecemento gañador da tapa de Ribadeo, será unha campaña de promoción e márketing en internet que axude ao establecemento a gañar posicionamento e dinamizar as visitas do local. A campaña terá unha duración dun mes e será levada a cabo por un experto/a en Social Media e estará valorada en 400 euros. O público que acuda ao Ribadeo de tapeo poderá votar e así elixir a mellor tapa e a mellor barra.

Na pasada edición do concurso de tapas participaron 55 establecementos hostaleiros, que venderon arredor de 50.000 tapas. A organización agarda que este evento volva ser un éxito de público e de participación.