O rexedor dixo que “como quen non quere a cousa xa van aló 10 anos desde o inicio deste Ribadeo de tapeo, deste evento gastronómico que organiza a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo, de Ribadeo, que leva a nosa compañeira Ana Martínez, xunto coa Área de Cultura da Deputación de Lugo”. Suárez Barcia subliñou que “é un dos concursos con máis soleira de todo o país, pero que ano tras ano se revela do máis potente e do máis innovador, colleitando un enorme éxito entre o público e tamén entre os seus máximos protagonistas que son os profesionais dos establecementos de hostalería ribadense”.

O alcalde indicou que “este é o noso maior escaparate gastronómico e é un espazo onde se comparten novas ideas e novas propostas desta cociña en miniatura e onde tamén fomentamos a cultura da tapa e as relacións sociais dos milleiros de persoas que eses días se achegan a Ribadeo, e que para este ano será do 9 ao 17 de maio. No Ribadeo de tapeo participarán neste 2015 un total de 51 bares, mesóns e restaurantes, a meirande parte da vila, pero tamén de parroquias como Rinlo, Remourelle ou Vilaframil. Todo o mundo participa nesta importante iniciativa, que como estes últimos anos contará cunha aplicación para móbiles, tanto para Android como para IOS, e onde todo o público poderá ver os lugares,os horarios, as tapas que se poderán degustar, etc… para decidir a onde vai e cal é a escolla que fai”.

Fernando Suárez engadiu que “tamén haberá os premios dun xurado especialista que dará o mantelo de ouro, o mantelo de prata e o mantelo de bronce e tamén concederá un premio especial á tapa de Ribadeo, que será aquela que promocione os produtos da zona de calidade e de tempada. E o público elixirá o premio á mellor tapa e á mellor barra. No Ribadeo de tapeo o público poderá ir percorrendo as diferentes zonas nas que se dividirá o evento e gañar premios ao mesmo tempo que degustan as tapas”.

O rexedor ribadense manifestou: “queremos, coma novidade para este ano, que o Ribadeo de tapeo se converta nun concurso gastroaccesible, é dicir incorporarase tapas que sexan vexetarianas ou tamén tapas sen gluten. Estamos a colaborar coa asociación galega para celíacos, de feito catro dos restaurantes ofrecerán tapas aptas para celíacos e un para vexetarianos. E como non, nesta edición dedicada a Ribadeo en toda a súa amplitude, de aí a propia imaxe do cartel… imos desenvolver actividades paralelas que valoricen o patrimonio cultural e natural do noso concello e como en todas as edicións anteriores haberá establecementos que organicen tamén actividades para animar esta festa gastronómica”.

Suárez Barcia dixo que “como sempre o noso obxectivo en materia turística é contribuír a desestacionalización do turismo queremos converter esta cita nunha ocasión ideal para coñecer Ribadeo, aunando a nosa riqueza gastronómica coa riqueza natural e cultural, por iso seguimos coa proposta de Soños gastronómicos, que oferta unha escapada a Ribadeo na que colaboran algúns establecementos hostaleiros e na que se incluirán actividades para gozar e coñecer Ribadeo. Queremos convidar á toda a xente de Ribadeo, de Asturias e de Galicia para que do 9 ao 17 de maio fagan un oco e se acheguen ata aquí a probar as tapas do Ribadeo de tapeo“.

Fernando Suárez e Ana Martínez presentaron esta mañá o cartel anunciador deste concurso gastronómico.