O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “é unha boa noticia e un paso moi importante a sinatura deste convenio extraordinario coa Área de Turismo da Deputación Provincial de Lugo co fin de contribuir a desestacionalizar o turismo en tempada baixa. E queremos aproveitar un nicho de mercado que está vacante e que o concello de Ribadeo ten unhas potencialidades moi importantes para levalo adiante, trátase deste turismo de reunións e de congresos”.

Suárez Barcia explicou que “baixo a denominación de Ribadeo de congresos, queríamos atraer a estas empresas, a estes colexios de profesionais, a estes organizadores de eventos, que non só pensan en grandes cidades para facer reunións anuais ou de empresa senón que tamén acuden a vilas de tipo medio ou vilas que ofrezan diferentes servizos a maiores que un local para xuntanzas. Cremos que Ribadeo conta cunha potencialidade enorme, ten un sector hostaleiro moi importante, conta con máis de 1.000 prazas entre hoteis, hostais, o Parador, en turismo rural…”.

O rexedor sinalou que “este diñeiro público que agora conseguimos, 15.000 euros para este 2011, contribuirá a poñer en marcha toda esta iniciativa, pero dependerá moito da implicación e do interese do sector neste proxecto para crear un novo produto turístico. Nos vindeiros días desde o Concello teremos unha reunión aberta con todo o sector para perfilar cómo imos poñer en marcha esta iniciativa”. Fernando Suárez entende que “o Concello ten que facer a labor de coordinación e de buscar as empresas e colexios de profesionais para que se fixen en Ribadeo, terá que publicitar a iniciativa nos medios de comunicación e o sector terá que poñerse a tiro, é dicir terá que facer uns paquetes económicamente adaptados para que Ribadeo poida competir con outras cidades e con outras vilas, quizáis de porte maior, pero que non teñen as singularidades paisaxísticas, culturais ou patrimoniais nin os servizos que a día de hoxe ten Ribadeo”.