O alcalde de Ribadeo, Fernándo Suárez, presentou esta mañá a primeira fase dun proxecto moi ambicioso que persegue acercar aos/ás turistas moitos dos encantos do Concello a través da tecnoloxía bluetooth. Os/as visitantes terán acceso dende o seu móbil, PDA ou MP3 a información turística tan importante como mapas, rutas, axenda cultural, aloxamentos ou restaurantes. Instalaranse para isto varias balizas de emisión en lugares moi frecuentados por visitantes dentro da vila, tales como a Oficina de Turismo ou a Casa da Xuventude. A través da tecnoloxía bluetooth os/as visitantes poderán descargar a información turística máis destacada de Ribadeo, que tamén incorporará audio.
Nesta primeira fase ofrecerase información a través de dúas rutas turísticas. A primeira, que levará o nome de Ribadeo urbano, consistirá nun itinerario a pé polas principais rúas da vila e permitiralle aos/ás visitantes coñecer algo máis sobre a historia de Ribadeo. A segunda destas rutas será a denominada Ribadeo pola costa e ten o obxectivo de amosar os encantos do litoral do concello.
O alcalde, Fernando Suárez, destacou en rolda de prensa a importancia desta iniciativa para converter Ribadeo nun referente do turismo na comarca. “A vocación turística de Ribadeo”, manifestou o rexedor, “é moi importante, pero ten moito más que dar de si por iso estamos traballando nos últimos meses en iniciativas relacionadas co turismo”.
Este proxecto ten un orzamento de 44.000 euros co-financiados polo Ministerio de Industria, a través dos fondos europeos FEDER, e pola Consellaría de Innovación e Industria.