O concello de Ribadeo conta desde esta mañá cun novo vehículo para a extinción de incendios. Trátase dun camión híbrido que poderá dar servizo non só aos continxentes no ámbito urbano, senón tamén nos núcleos rurais do concello.
Este vehículo, cunha cisterna con capacidade para 4.000 litros de auga, substituirá a un dos camións cos que contaba o concello e que, debido á súa antigüidade, deixara de ser fiable.
Fernando Suárez comentou que, pese a futura posta en servizo do parque comarcal de bombeiros de Barreiros, o concello de Ribadeo, debido á súa entidade e situación, precisa de recursos propios.
O alcalde tamén aproveitou o acto de presentación para agradecer o esforzo inversor realizado pola Xunta de Galicia, que aportou 150.000 euros do custe do camión, entre a Consellería de Medio Rural e a Dirección Xeral de Protección Civil. Os 30.000 restantes para completar o investimento necesario foron aportados polo propio concello.