O Concello de Ribadeo, segundo anunciou o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, conta durante o verán cunha brigada denominada SEAGA, -Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos- dependente da Consellaría de Medio Rural.
As tarefas que realizará consisten de xeito prioritario na loita contra os lumes. A brigada tamén desenvolverá todas aquelas tarefas que teñen que ver con evitar os incendios: rozar as balsas, limpar de maleza os camiños forestais ou repoboar e arranxar as masas comúns de árbores que sexan necesarias.
A brigada SEAGA traballará en Ribadeo durante os meses de xullo, agosto e setembro. Esta brigada, que está formada por cinco persoas, exercerá a súa función no municipio desde a base que ten en Cubelas.