O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amosouse moi satisfeito logo de asinar un protocolo coa Consellaría de Industria, a empresa Begasa e SEPES (Entidad Pública Empresarial del Suelo) que lle permitirá dotar de subministro eléctrico ao polígono industrial. O investimento ascenderá a 6 millóns de euros, dos que Industria achegará 1,8 millóns de euros; SEPES 1,4 e Begasa 2,8. Os proxectos, a xestión de permisos e a construcción destas instalación iniciarase neste 2008 e está previsto que a execución das obras se leve a cabo durante os anos 2009 e 2010.

 

Na súa intervención, o rexedor asegurou que con este acordo se dá luz verde a un proxecto que levaba dous anos parado e para o que xurdiron dificultades: ”coa situación, coa cualificación e coa adquisición dos terreos, coas utilidades públicas… e, finalmente, co feito de que sufrimos as consecuencias dun crecemento urbanístico que non levou parella unha mellora das infraestructuras e servizos básicos, como foi o caso do subministro eléctrico”.

Fernando Suárez agradeceu o compromiso con Ribadeo de todas as partes presentes na sinatura deste protocolo, cunha mención especial ”á Consellaría de Industria a través do seu conselleiro, Fernando Blanco, do director xeral de Industria, Anxo Calvo, e do delegado provincial, Ramón Cortés”.

Potencia suficiente

O alcalde ribadense engadiu que a posta en marcha desta subestación “non será só importante para o polígono industrial, senón para todo o Concello e para o Ribadeo dos vindeiros 30 ou 40 anos”. Isto é así porque, segundo explicou o rexedor “a potencia que se instalará, de 40 MVA, supera a que precisa o propio polígono, que é de 5 MVA”.

 

A maiores disto, a construción desta subestación suporá o desbloqueo de algunhas actuacións que estaban pendentes da primeira, como é o caso da realización dos accesos ao polígono industrial, do que se encargará SEPES, ou a construcción dunha pequena terminal de carga para FEVE que xa fora aprobada no Congreso a iniciativa do BNG.