Ribadeo consegue financiamento na Xunta de Galicia para realizar melloras nas instalacións deportivas.

211124 Foto xuntanza Dani Vega con Diego Calvo

Ribadeo consegue financiamento na Xunta de Galicia para realizar melloras nas instalacións deportivas. O alcalde, Dani Vega, mantivo un encontro co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. 

O rexedor explicou que “mantivemos unha reunión de traballo co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Nesta reunión o que fixemos foi analizar todas as instalacións, todas as infraestruturas deportivas. O pavillón de Alfredo Deaño, eu sempre digo e tamén llo dixen a el, aí chove máis que fora, hai máis caldeiros aí que en todo Ribadeo”. 

Vega indicou: “sabemos e somos conscientes de que isto temos que melloralo. Analizámolo durante este ano, buscamos a vía de financiamento, concretamos un orzamento por parte do Concello, pero necesitamos a axuda doutras administracións. Levamos anos, levase anos falando de que hai que mellorar isto, pero nunca se concretou absolutamente ningún euro para este pavillón”. 

O alcalde dixo: “sabemos tamén do problema que ten o Pepe Barrera, os vestiarios. A parte de chover hai humidades. Non son unhas instalacións dignas. Por iso tamén temos que buscar o financiamento. Ou o pavillón de Cubelas ou a necesidade que ten Ribadeo de ter un campo de herba artificial. Se o teñen outros Concellos, por que Ribadeo non o ten? Pois eu creo que durante anos puidose facer, pero evidentemente este Concello non está para buscar disculpas ou puidose facer e non facer. Nosoutros non entramos aí. Nosoutros o que queremos é buscar o financiamento”.

Dani Vega subliñou: “vamos seguir loitando por ese financiamento e con esta reunión, con Diego Calvo, concretamos o 50% do financiamento. Por tanto, temos garantido dar un paso. Agora vamos presentar unha memoria, vamos presentar os proxectos e a partires de aí concretaremos ata onde pode chegar a Xunta de Galicia. E tamén esperamos que a Deputación e todas aquelas administracións que entenden que Ribadeo ten esa necesidade poden colaborar con nos”. 

E engadiu: “este primeiro paso coa Xunta, unha reunión moi produtiva, unha reunión frutífera e que deu un resultado, que vamos solicitar ese 50% para empezar a traballar no financiamento e así mellorar todas as infraestruturas deportivas”.