O vindeiro luns, 13 de xaneiro, na Casa do Mar haberá unha sesión teórica sobre o concepto do turismo mariñeiro e analizarase como se pode facer del unha actividade complementaria ás cotiás no mar. Será de 17 a 19:30 horas.

O martes, 14 de xaneiro, tamén na Casa do Mar terá lugar unha xuntanza con empresas e xente do sector do mar, para narrar a súa experiencia en turismo mariñeiro. Ás 17 horas intervirán as redeiras de Burela; ás 17:45 a protagonista será a ruta do mexillón de Arousa Norte; ás 18:30 horas falarase de roteiros, de rutas de sendeirismo cun interese histórico, cultural, etnográfico e gastronómico; e ás 19:15 a charla versará sobre construción e reparación de barcos de madeira.

A Casa do Mar acollerá o mércores, 15 de xaneiro, unha sesión práctica sobre como deseñar unha actividade de turismo mariñeiro.

As actividades do proxecto Ribadeo Catedral do Mar continuarán o 20 de xaneiro no hotel O Cabazo cun curso sobre rexiduría de pisos, dirixido a persoal de habitacións dos hoteis. Será de cinco a sete e media da tarde.

O 27 de xaneiro no Parador de Turismo haberá a partires das cinco da tarde un taller práctico sobre márketing online e redes sociais para turismo. Para o 29 de xaneiro hai prevista unha saída a un destino próximo para coñecer de primeira man unha experiencia de turismo mariñeiro, que sirva como exemplo de boas prácticas e coma fonte de inspiración e ánimo para emprender actividades deste tipo no concello de Ribadeo.

E xa o 30 de xaneiro terá lugar unha experiencia piloto de turismo mariñeiro, deseñada polos axentes do mar e cun público moi especial: o sector hostaleiro