Continúan as actividade no marco do proxecto Ribadeo, catedral do mar. O próximo luns, 27 de xaneiro, ás 17:00 horas no salón de plenos do Concello terá lugar o taller Turis-Tic, onde os asistentes poderán asistir a unha sesión sobre as implicacións de internet e, especialmente, das redes sociais sobre o mundo empresarial. A sesión, impartida pola empresa Abertal, ofreceralle aos empresarios as ferramentas para que optimicen os seus recursos de comunicación e melloren a súa promoción e comercialización a través de internet.

As xornadas de turismo mariñeiro enmarcadas no proxecto Ribadeo, catedral do mar achéganse ao seu final con dous broches de ouro. O vindeiro mércores, 29 de xaneiro, os participantes das xornadas desprazaranse ata Burela para vivir in situ dúas experiencias de turismo mariñeiro da man das redeiras e dunha carpintaría de ribeira. O sector pesqueiro poderá comprobar como outros profesionais do mar levan a cabo iniciativas complementarias contando aos visitantes en que consiste o seu traballo, como son os seus hábitos, as técnicas que empregan, as súas ferramentas, etc. A través da visita, inspiraranse para desenvolver as súas propias actividades de turismo mariñeiro. Ademais, aproveitarán para coñecer o barco museo Reina del Carmen da man dun guía e así contarán con outro referente en canto a como comunicar a cultura mariñeira aos visitantes.

O programa será o seguinte:
09:30h. Saída desde a oficina de turismo de Ribadeo; 10:30h. Visita a San Cibrao e actividade de turismo mariñeiro: construción e reparación de embarcacións (Francisco Fra); 12:30h. Visita a Burela, ao Barco Museo Reina del Carmen; 14:00h. Comida; 15:30h. Visita á nave da asociación de redeiras Cabo Burela; e 17:30h. Chegada a Ribadeo.

Ao día seguinte, 30 de xaneiro, levarase a cabo unha experiencia piloto de turismo mariñeiro en Ribadeo, protagonizado polos participantes das xornadas. Segundo explican desde a organización “durante as mesmas, aprenderon conceptos, coñeceron as experiencias máis importantes de turismo mariñeiro de Galicia, coñeceron a persoas e empresas de turismo mariñeiro que compartiron con eles a súa experiencia, aprenderon a identificar recursos turísticos mariñeiros no seu destino, aprenderon a interpretar os seus recursos e o seu traballo e a como contalo ao público, aprenderon a deseñar experiencias de turismo mariñeiro… E deseñaron a súa propia ruta do percebe de Rinlo.  Por primeira vez, converteranse en guías e realizarán a súa propia ruta cun público moi especial: a rede de hostaleiros de Ribadeo creada no marco do proxecto Ribadeo, catedral do mar. Trátase dunha experiencia piloto que lles servirá para probar a súa ruta e comprobar as súas capacidades de comunicación. Ademais, os hostaleiros coñecerán máis sobre a cultura mariñeira de Ribadeo e poderán transmitirlla aos seus clientes e visitantes, ademais de animarlles a realizar a ruta”.