A edil nacionalista amósase moi contenta “polo grande número de visitantes que estamos a recibir en Ribadeo durante este verán. Si xa no mes de xullo acadamos unhas cifras moi importantes no que levamos de agosto estamos a rexistrar datos históricos tanto de visitantes coma de ocupación hostaleira, porque estamos preto do 100% durante esta quincena e tendo en conta que Ribadeo conta cunhas 1.500 prazas hostaleiras é un dato a destacar”.

Segundo Ana Martínez “as oficinas de turismo de As Catedrais e de Ribadeo están atendendo a diario a máis de 1.000 persoas. Non damos abasto e a partires de mañá incorporaranse dúas técnicas máis a estes puntos, que sumadas ás que xa hai fan un total de 8. O obxectivo é atender da mellor forma posible a este grande número de viaxeiros que acoden ás nosas oficinas a pedir información”.

A concelleira de Turismo indicou que “seguimos a apostar pola calidade na atención e na información, xa que é a mellor carta de presentación que podemos ofrecer, avalada por todo canto Ribadeo lles pode ofrecer aos que nos elixen para disfrutar das súas vacacións. Temos a diario actividades culturais, unha gastronomía excelente, as praias, a natureza…”.

A praia das Catedrais está a rexistrar cifras históricas de visitas durante o mes de agosto, “chegando a producirse varios momentos de atasco e de colapso para poder acceder a ese areal. É de destacar o éxito tamén que están a obter as novas iniciativas turísticas que puxemos en marcha. En total xa se entregaron 3.000 credenciais do viaxeiro, esa acuarela que reciben todas aquelas persoas que percorren o litoral entre As Catedrais e Ribadeo e o xustifican con fotos. Dita credencial vai asociada desde o pasado 6 de agosto á tarxeta 24 horas que ofrece descontos e agasallos por parte de preto de 100 establecementos asociados a ACISA. En menos de 10 días de funcionamento desa tarxeta asociada á credencial do viaxeiro foron expedidas preto de 300”, seguiu a relatar Ana Martínez.

A concelleira nacionalista engade que “Ribadeo está a rebosar de xente. E isto é moi importante pola repercusión económica que está a ter na vila e no sector servizos”.