O rexedor fai unha valoración moi positiva do Ribadeo de tapeo, “teño que felicitar aos hostaleiros, aos donos de restaurantes, de bares, de mesóns, que están levando adiante algunha destas 55 tapas e que están a contribuír a darlle vida comercial a Ribadeo, a ver cómo nesta fin de semana o noso concello estivo cheo de xente. Foron moitas as persoas que co libriño na man ou coa aplicación de móbil seguiron este evento e decidiron a qué bares desprazarse a tomar unha tapa”.

Suárez Barcia engadiu que “polo que puiden falar con algúns dos restauradores son moi optimistas de cómo está a ir todo. Confiemos en que ao longo da semana o tempo acompañe e se siga dando tan ben esta venda de tapas. O xurado cualificador xa está a traballar, o que está a facer a primeira selección, despois na fin de semana será outro xurado diferente o que determine os nomes dos gañadores”.

Para o alcalde ribadense “hoxe máis que nunca aquí a cuestión non é gañar, senón que é participar para que gañe Ribadeo. Ese é obxectivo que nos marcamos desde o Concello coa organización desta outra edición máis do Ribadeo de tapeo, que conta tamén co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo”. Fernando Suárez dixo que “o que facemos facémolo para que se vendan tapas, pero facémolo para que a xente veña a Ribadeo, para que a xente estea por Ribadeo, para que a xente compre en Ribadeo e que teña actividades para facer. Por iso está esta programación paralela que facemos con teatro, música, monólogos, unha serie de actividades na rúa e no auditorio que dan de si para que Ribadeo brille con luz propia, tal e como está a facer nos últimos anos”.