A ocupación hoteleira en Ribadeo nos 10 primeiros días de agosto rolda o 100%, segundo deu a coñecer esta tarde a concelleira de Turismo e alcaldesa en funcións, Ana Martínez. Mostra disto é as colas que se están a rexistrar na oficina de turismo da vila en demanda de información sobre Ribadeo e os seus atractivos. “Hoxe está a ser a tónica habitual durante todo o día. Tivemos que reforzar cunha persoa a xornada completa os puntos de información nos que están a traballar seis técnicas mais outra, que a media xornada cobre os albergues de peregrinos. Ribadeo está máis ateigado de xente que nunca. E iso é moi positivo para o comercio, para a hostalería, para a restauración”, engadiu a edil nacionalista.

Outro dato destacado destas xornadas “é que se están a producir colas para coller o bus que vai desde Ribadeo ata a praia das Catedrais. Está quedando xente sen praza. Algunha xornada houbo 30 persoas que tiveron que agardar para a seguinte viaxe e así empregar este medio de transporte, que lles da acceso directo ao areal sen ter que retirar o pertinente pase”. Estes días estanse a completar as entradas diarias de acceso á praia e “esta tarde, hai moi poucos minutos puidemos ver os aparcadoiros de As Catedrais cheos de coches e de xente e mesmo chegamos a contabilizar ata 10 autobuses chegados desde diferentes puntos da xeografía deste país”.