Co lema Ribadeo Agroalimentario, por unha alimentación máis próxima as Concellarías de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo xunto coa de Igualdade, Ensino e Mocidade queren poñer en valor o traballo das persoas produtoras e provedoras de produto local ante as actuais circunstancias e animan ao consumo responsable, xusto para as produtoras e sostible ambientalmente. Esta iniciativa aglutina os programas de entrega a domicilio de produtos das praceiras e praceiros do Mercado de Abastos así como das produtoras de horta de Ribadeo.

Para o desenvolvemento desta campaña activouse unha web dentro da páxina do Concello. A campaña está aberta a outros produtores e produtoras ou distribuidores/as de produto local que desexen participar. Aquelas persoas que estean interesadas en apuntarse poden escribir un correo electrónico dirixido á axente de desenvolvemento local.

O concelleiro, Pablo Vizoso, salienta que “na actual crise sanitaria, o traballo do sector primario e a súa distribución traballan para provernos de produtos básicos de alimentación sendo ademais unhas das tarefas esenciais que non se poden deter. Ademais, neste contexto de confinamento temos máis tempo para facer a compra, cociñar e avaliar o consumo que facemos. Por iso queremos facer un chamamento ao consumo responsable, xusto para as persoas produtoras e sostible e animamos a participar nesta campaña para poñer en valor a alimentación de proximidade e aos seus profesionais que nestas semanas complicadas traballan e fan un esforzo enorme para coidarnos coma comunidade”.

O edil ribadense anima tamén á cidadanía “a seguir e secundar todas as iniciativas das pequenas empresas e persoas autónomas para así contribuír ás economías familiares consumindo en clave local”.