Suárez Barcia ven de dirixirlle unha carta á Xerencia Territorial do Catastro sobre a regularización catastral que está a levar a cabo o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O rexedor insta á revisión da devandita taxa, de xeito que se establezan bonificacións e deducións no seu importe: “cando afecten a alteracións de entidade menor nos inmobles, cando o mesmo suxeito pasivo sexa obxecto de diversos expedientes de regularización catastral, de forma que ingrese dunha soa vez a taxa por todos os procesos e que se proceda á devolución da taxa para os suxeitos pasivos que xa a teñan satisfeito cando concorresen neles as circunstancias anteriores”.

Suárez Barcia sinala que “a regularización que se está a levar adiante, ademais do pago da taxa de 60 euros por cada alta no catastro, implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible de tributos como o IBI. A administración poderá esixir calcular de novo a cota a pagar polo IBI dos últimos catro anos e reclamar a diferenza resultante cos correspondentes intereses de demora”.

No escrito remitido á Xerencia Territorial do Catastro desde o Concello de Ribadeo indican que “mais aló das repercusións tributarias futuras, a taxa lineal establecida, ao aplicarse por cada inmoble obxecto do procedemento, implica unha desigualdade, respecto de regularizacións de maior entidade ou envergadura con outras menores. Isto agrávase no caso de fraccionamento da propiedade, característico de Galicia, onde as declaracións de regularización multiplícanse ao afectar a moitas parcelas de escasa dimensión, que aínda sumadas todas elas apenas implican cambios relevantes dos bens inmobles inscritos no Catastro por un mesmo suxeito pasivo”.