O Goberno Municipal de Ribadeo ven de repartir entre as traballadoras e os traballadores do Concello unha comunicación sobre o cumprimento do horario laboral e dos reaxustes nas funcións da RPT dos empregados públicos municipais. A proposta do Goberno Municipal mantén todos os postos de traballo, non conleva un só recorte salarial e está claramente aberta á negociación naquilo que é negociable. Na vontade do Goberno Municipal está procurar o acordo en todos os casos nos que sexa posible e que o servizo aos cidadáns se vexa mellorado.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “foi unha reunión aberta e tranquila a que mantivemos onte cos traballadores do Concello, para explicarlles directamente cal é a situación do Concello, a situación na que nos movemos actualmente e qué é o que pretendemos. Fixémolo sen afán de paternalismo e con ánimo de que nós somos un Goberno que estaremos un tempo, e no que tempo que esteamos aquí o Concello debe dar exemplo en moitas cousas”. O rexedor considera que “o Concello de Ribadeo é un Concello que da unha serie de servizos moi importantes, facémolo en moitos aspectos moi ben, pero hai moito que mellorar. Hai non moito tempo aos veciños de Ribadeo pedímoslles un esforzo adicional, subimos algúns impostos de xeito moderado, e agora pedísmolles ao noso persoal tamén un esforzo, é dicir o cumprimento íntegro do horario sen forzar a ninguén, sen obrigar a ninguén, sen ameazar a ninguén, queremos que o cobran a finais de mes sexa polo que realmente traballan. Queremos que traballen as 37,5 horas semanais, 1.647 horas ao ano, non pedimos nin unha hora máis, pero tampouco imos perdoar unha hora de menos. Queremos que algún servizo pode e debe traballar algunha tarde para cumprir coa xornada laboral, porque nos parece que se pode actuar mellor en materia de limpeza, de medio ambiente, se pode dar un mellor servizo público aos veciños”.

Suárez Barcia sinalou que “despois dos anos que levamos traballando aquí por Ribadeo con acertos e con erros vemos que algúns postos de traballo están máis pensados para un Concello do ano 1979 que para un Concello do ano 2011 e sí que facemos algunha proposta de cambio de funcións para integrar algunhas máis, quizás non sexa só traballar en expedentes administrativos senon que tamén hai que coller o teléfono, quizás non sexa só cambiar un tipo de material senon tamén outro… a todos os traballadores lles poñemos unha coletilla que non é para fastidialos, senón que ademáis das súas funcións deberán facer aquelas outros do seu cargo e categoría”. E engadiu que “ás veces nos temos atopado con xente á que se lle manda facer algo e di que non é da súa competencia. E nós non queremos agraviar a ninguén e que ninguén se sinta menospreciado nin presionado, pero sí que é o momento para dar exemplo á sociedade nun momento no que a función pública está a ser moi cuestionada, parece ser que os responsables da crise son os funcionarios e eu penso que non é así, pero si digo que non é así temos que dar exemplo para que se vexa que gañan o seu salario polo que traballan e que o que fan o fan ben. Estou convencido de que a maioría o fan ben, pero queremos estandarizar isto para todos durante todo o tempo”.

O alcalde ribadense pensa que “a maioría creo que o ven ben, outros igual non tan ben, pero cando un está para gobernar sabe que nunca vai ter unanimidades e que non todo vai ser aplaudido, pero nós, o actual Goberno Municipal, anunciámoslles que instalaremos ao longo dos vindeiros días unha serie máquinas de control horario con huella dixital, que levaremos adiante este cambio de funcións da RPT, e que tentaremos ser máis produtivos polo ben dos veciños e das veciñas deste concello”.