Suárez Barcia dixo: “temos que falar dunha situación inxusta que se nos produce nos últimos tempos, sobre todo cando á administración autonómica e á do Estado se lles enche a boca falando de axilizar a administración e facela moito máis alcanzable, logrando que os trámites duren moito menos tempo. Mentres, nós vemos como a xente que vive no casco vello ou  nas parroquias por onde pasa o Camiño Norte de Santiago, que queren facer obras e que polo tanto teñen que ter permiso previo de Patrimonio antes de que o Concello outorgue a licenza de obra, ven demorado este proceso moitísimo no tempo, e  nos últimos meses moito máis”. Segundo o alcalde ribadense “calquera expediente que teña que ir á Dirección Xeral de Patrimonio a Santiago, conta cun tempo de espera para que emitan un informe que se está achegando polo menos aos catro meses, cifras que son imposibles de crer hoxe en día, no 2015, con tanta informatización. Ata tal punto, que cando dende o propio Concello chamamos aos técnicos, o que nos din é que están desbordados, que non teñen xente e que dalgunha maneira fagamos o posible por protestar nos medios de comunicación para que se fagan cargo os responsables autonómicos porque isto non pode seguir así”.

O rexedor referiuse a casos concretos: “hai xente que está a esperar por lousar unha casa dende hai varios meses, e co que está a chover nestes últimos tempos…; hai xente que quere facer pequenas obras, ou non tan pequenas, pero que requiren informes de Patrimonio e teñen que esperar moitos meses antes de que o Concello poida sequera dar a licenza de obra porque coma é preceptivo ten que ter estes informes previos. E hai que recordar que Ribadeo non é calquera cousa”.

Fernando Suárez subliñou que “en Ribadeo no ano 2014 pedimos por casas, por hórreos, por rúas, etc… un total de 118 autorizacións a Patrimonio. Agora mesmo están pendentes de informe 14 delas dende hai tempo. Polo tanto, nós o que imos é a dirixirlles un escrito aos responsables da Dirección Xeral de Patrimonio no que lles pedimos que teñen que axilizar, porque aquí non se trata de que ninguén nos saltemos ningún paso, senón que temos que facer todo coma marca a norma. Pero é que a administración autonómica non está indo ao ritmo que demandamos os Concellos, especialmente Ribadeo”.