No acto interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e o comisario da exposición, Miguel San Claudio. O rexedor dixo que esta mostra supón un fito histórico para Ribadeo: “poder ensinarlle ao mundo deste aquí, desde un sitio pequeniño como Ribadeo, esta exposición é algo que nos enche de orgullo”.

Na súa intervención sinalou que “hai unha cantidade enorme de achados que lle quitan a respiración a calquera”. E rematou manifestando: “confío en que poidamos co concurso de todos, do Estado, da Xunta, da Deputación e do Concello, facer algo estable e continuado ao longo do tempo disto que hoxe é  algo anecdótico e puntual”. 

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, agradeceu a presenza institucional “e a Miguel San Claudio e ao seu equipo o esforzo realizado, aínda que sexa unha pequena fiestra que nos abre a un mundo que moitos de nós descoñecemos. E agardo que disfrutedes moito desta mostra”.

O comisario da exposición, Miguel San Claudio, subliñou que o Concello foi o impulsor da mostra e tivo palabras de agradecemento para todas as institucións que colaboran co traballo de investigación realizado na ría de Ribadeo: “agradecer a todos los que colaboran con nosotros, hay mucha gente detrás, desde instituciones científicas de todo el mundo, universidades, la Armada Española, el Club Náutico de Ribadeo, el Concello de Ribadeo y la Xunta de Galicia”. San Claudio dixo que todo o material extraído nestes anos da ría “está en proceso de investigación, esta es una investigación viva”. 

Entre os asistentes ao acto de inauguración estiveron o cronista oficial de Ribadeo, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, membros da Armada, concelleiras e concelleiros de Ribadeo ou deputados autonómicos.

A exposición O porto de Ribadeo. Testemuñas do pasado pódese visitar na Oficina de Turismo ata o 20 de outubro.