Paz Ermida subliñaba hai uns días: “parécenos fundamental levar a cabo este tipo de xornadas precisamente cos máis pequenos, que son os que se empapan e os que logo saben transmitir nas súas casas e coas súas amizades a importancia que ten e o respecto que merece o noso planeta”.

Cos rapaces e rapazas do Sagrado Corazón estivo Óscar García, de Coge3, “que é un coñecido voluntario de aquí de Ribadeo que decidiu de maneira totalmente voluntaria e gratuíta participar con nosoutros, estar acompañando aos cativos e ás cativas nesta actividade”, engadiu a concelleira ribadense

Hoxe, 19 de xuño, 40 rapaces e rapazas do colexio Sagrado Corazón participaron nestas tarefas de limpeza na desembocadura do río San Xulián, en Rinlo, desde onde despois foron camiñando ata a praia de Xuncos.

O vindeiro mércores, día 21, o alumnado do Gregorio Sanz partirá do colexio ás 10 da mañá para ir ata a praia das Catedrais, “onde se desenvolverá a primeira parte da actividade, e despois ao cabo de hora e media retornarán ao centro, onde asistirán a unha charla temática ambiental. Arredor de 100 rapaces/as participarán na limpeza do emblemático areal”, explican desde a Concellaría de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño.