O rexedor sinalou que “desde o Concello de Ribadeo, concretamente desde a comisión que está traballando por unha residencia para maiores en Ribadeo estamos agardando a que a Xunta nos reciba novamente, dado que xa a semana pasada solicitamos entrevista coa conselleira de Traballo e Benestar, tal e como nos comprometéramos nunha xuntanza anterior celebrada hai varios meses, onde ela nos dera unha proposta. Despois de analizala e estudala estamos en condicións de volvernos a xuntar con ela”.

Fernando Suárez indicou que “en todo este tempo a comisión estivo e está traballando e cónstame que todos os representantes dela, de todas as formacións políticas con presenza na Corporación Municipal e máis da plataforma de asociacións de veciños, estamos a pretender o mellor para Ribadeo e que en definitiva que Ribadeo teña unha residencia de maiores. Eu creo que con tres pretensións: primeiro, que sexa en Ribadeo, pero non menos importante que sexa preferentemente para os veciños e veciñas de Ribadeo; e en último lugar, pero tampouco menos importante, que sexa a prezos asumibles para as súas pensións, que en Ribadeo non son desgraciadamente demasiado altas”.

O alcalde considera que “é por iso importante para Ribadeo que se celebre canto antes esta xuntanza para saber de primeira man o grao de compromiso real da Xunta con Ribadeo, porque vemos que o tempo vai pasando, as circunstancias socioeconómicas para todos e tamén para as administracións que poidan estar implicadas seguramente cada vez van ir a peor. Polo tanto se hai interese real é hora de ir poñendo xa os compromisos enriba da mesa”.